A Iniciativa Xabarín 2.0 polo galego no audiovisual ten boa acollida no Parlamento Europeo

martes, 9 de maio do 2023 S. P.

En maio de 2021 o Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade a Iniciativa Popular Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e avalada por máis de 33.000 sinaturas, na que xa albiscaban algunhas medidas para recoñecer a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán no audiovisual.
Pois ben, atendendo a isto, o Parlamento Europeo vén de votar, esta mesma mañá (martes, 9 de maio) un informe para a introdución da Directiva do audiovisual no que salienta "a importancia de facilitar a accesibilidade (dobraxe, lexendas, audiodescricións ou outros elementos) en todas as linguas do territorio onde o servizo de comunicación social audiovisual é emprestado". Asemade, lembra que "é fundamental designar, sen demora inxustificada, un ponto de contacto en liña de doado acceso e dispoñíbel ao público en todos os Estados Membros" e reclámalle á Comisión máis esforzos para difundir obras europeas que representen toda a diversidade lingüística europea, tendo en conta as linguas oficiais e as linguas rexionais e minorizadas, como é o caso do galego.
Deste xeito, o dito posicionamento tómase días despois da comparecencia do presidente da Mesa, Marcos Maceira, do vicepresidente de AGAPI, Xosé Lois Ledo, e da profesora Soliña Barreiro, do Grupo de Estudos audiovisuais da USC, no intergrupo de linguas do Parlamento europeo, cun enorme interese por parte de deputados de todos os grupos e diversas nacionalidades.
Para unha valoración máis ampla das consecuencias e da importancia deste informe do Parlamento Europeo, mañá mércores 11 de maio ás 11h representantes da Mesa e doutras entidades do sector presentes na Iniciativa polo galego no audiovisual achegarán unha rolda de imprensa na aula 5 da Faculdade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Estarán presentes: Marcos Maceira (da Mesa pola Normalización Lingüística); Margarita Ledo e Soliña Barreiro (do Grupo de Estudos audiovisuais USC), Iria Taibo Corsanego (da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, AGPTI); Uxía Caride (da Asociacion Galega de Produtoras Independentes, AGAPI) e representantes da Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia (APRADOGA) e da Asociación de Actores e Actrices de Galician (AAAG). Asemade, asistirán por vídeo-conferencia varias eurodeputadas, entre as que se atopará Ana Miranda (deputada do BNG).

PUBLICIDADE