A III edición de ENISE, reúne en León a máis de 350 expertos en seguridade TIC

mércores, 28 de outubro do 2009 Raquel Noya

O Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO), vén de reunir en León, por terceiro ano consecutivo, aos mellores expertos nacionais en seguridade, nunha nova edición seu Encontro Nacional da Industria da Seguridade en España (ENISE), que se desenvolverá na cidade castelá ata o vindeiro 29 de outubro.
Esta terceira edición ten como temática central a Innovación Tecnolóxica en Seguridade TIC, e nela, estase a analizar a innovación dende tres puntos de vista diferentes: Innovación en Seguridade na Sociedade da Información; Negocio e Innovación en Seguridade e Innovación en Servizos Electrónicos Seguros.
No acto de inauguración oficial do encontro, que contou coa presenza do alcalde de León, Francisco Fernández, entre outras personalidades, o Secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Francisco Ros, destacou “a consolidación de INTECO como centro nacional de referencia en tecnoloxías de seguridade, accesibilidade e calidade do software, un logro obtido grazas ao esforzo de todas as institucións participantes”.
Ros apuntou asemade que un 33 por cento dos cidadáns ten intención de empregar maiores medidas de seguridade como o DNIe, lembrando que España é “pioneira a nivel mundial, sendo o país que ten máis ferramentas de sinatura electrónica en uso, con 12.800.000 documentos expedidos”.
Cada xornada do evento, ao cal tamén asiste o director xeral de Red.es, Sebastián Muriel, está estruturada en sesións plenarias, de alto nivel e carácter estratéxico, que constituen o preámbulo e introdución á temática central do día, para logo continuar con distintos obradoiros técnicos que complementan a información con demostracións prácticas.

PUBLICIDADE