A IA e as TIC protagonistas do II Cumio Galego Contra os Discursos de Odio

venres, 16 de xuño do 2023 Redacción

Preto dun cento de persoas asistiron hoxe en Santiago de Compostela ao remate da segunda edición do Cumio contra os discursos de Odio, impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD. O encontro, financiado polo Concello de Santiago no marco do programa Compostela+Solidario, contou ademais coa colaboración do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) da USC, e das organizacións EAPN-Galicia, Agareso e Ecos do Sur.
Tras a benvida, a primeira ponencia correu de mans da xornalista Paula Guerra Cáceres, especializada en comunicación social e discriminación racial quen falou sobre a Intelixencia Artificial. Guerra ofreceu unha pequena introdución sobre o funcionamento dos algorítmicos das IA, os nesgos existentes nos conxuntos de datos utilizados para adestrala e como estes poden reflectirse e mesmo amplificarse nos resultados. Isto fai necesario traballar na desracialización das IA para garantir que sexan imparciais e equitativas.
“A día de hoxe non hai ningunha lei en España que obrigue ás entidades públicas ou empresas a dar información sobre se utilizan algoritmos (AI) e como foron entrenados”, explicou Guerra. “As IA non son neutrais, representan a ideoloxía e o punto de vista das empresas que as crean, desenvolven e implementan. Vivimos nun marco de racismo estrutural e polo tanto as IA reproducen estas opresións racistas, machistas e discriminatorias”, explicou. “A tecnoloxía per se non é mala, hai IA moi positiva, pero cando se trata de regular cuestións que teñen que ver con dereitos detrás o que ten que haber son equipos multidisciplinares tomando decisións e non un algoritmo”.
Pola súa banda, Vivian Rangel de Maldita.es ofreceu unha charla centrada en como identificar e combater os discursos de odio contra as persoas migrantes. A xornalista explicou que moitas das consultas atendidas por Maldita teñen que ver, precisamente, con este colectivo polo que se creou unha sección específica, Maldita Migración para darlles resposta.
Vivian relatou diferentes casos reais de bulos que remataron con graves consecuencias. “Canto máis se comparte a desinformación créase unha atmosfera de desconfianza, non hai desinformación que non faga mal, poden afectar ás persoas, aos discursos de odio, contaminan o discurso público e hai bulos que matan”, apuntou a xornalista. A xornalista de maldita advertiu que os bulos non os lanzan necesariamente “persoas malas” senón que “moi a miúdo a xente difunde bulos sen saber que o están facendo, simplemente porque cren que son verdade ou porque esa información se alinea coas súas crenzas”.
O programa completouse con tres quendas de intercambio de experiencias e boas prácticas entre organizacións e colectivos que traballan contra os discursos de odio. Así pola mañá participaron Down-Galicia, Fundación Juan Soñador, Érguete, Igaxes, Fundación Secretariado Xitano, Agareso, Fagamos, EAPN, Ecos do Sur, Fundación Esplai e o activista Ibrahim Bah.
O intercambio de experiencias da tarde puxo o foco nos países do Sur Global e contou coa participación da defensora medio ambiental hondureña Yeni Karina Aguilar, a activista dos dereitos sexuais e reproductivos do Salvador Bea Salazar e a defensora dos dereitos humanos e transfeminista salvadoreña Grecia Villalobos.
En paralelo, a ONGD Ecos do Sur aproveitou o espazo do Cumio para compartir a experiencia de realidade virtual inmersiva The Machine To Be Another. Un proxecto concebido para poñerse, literalmente, na pel dunha persoa migrante, e que a ONGD galega vén de activar coa organización Be Another Lab.

Participantes do Cumio

PUBLICIDADE