A Guarda presenta a súa plataforma de eAdministración

venres, 7 de abril do 2017 Redacción

Seguimos a dar conta de concellos galegos que se afianzan plenamente na Administración Electrónica, con todo o que isto implica (cousas como sede dixital de seu, tramitacións en liña, transparencia gobernamental, participación cidadá, etc). Desta volta informamos da dixitalización afrontada polo Concello da Guarda, que vén de presentar, precisamente, a súa nova ferramenta de Administración Electrónica, unha iniciativa que contou co respaldo da Deputación de Pontevedra (achegando unha plataforma específica que xa foi implantada plenamente, polo de agora, na Guarda e en preto dunha vintena de concellos máis). Segundo informou o Goberno local, a partir de agora as veciñas e veciños poderán “interactuar co seu Concello e realizar trámites administrativos sen saíren da súa casa”.
O obxectivo da integración desta ferramenta foi “modernizar a xestión administrativa e fornecer aos cidadáns a posibilidade de realizar xestións a través de Internet”.
O Concello tamén informou de que con esta nova sede dixital, ademais, cumpre a Lei 11/2007 de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2010 e que se consolidou na Lei 39/2015 e 40/2015 que outorga o dereito aos cidadáns de contaren cunha Administración Electrónica, resolutiva e capaz de relacionarse con eles sen esperas e desde calquera lugar.
A nova plataforma foi implantada na Guarda pola empresa española esPublico, especializada en servizos xurídicos e na modernización administrativa para a Administración Local, e que conta xa con máis de 4.600 concellos en toda España e clientes en todas as provincias do Estado. Segundo informa o Goberno guardés, a ferramenta Xestiona de esPublico (que é a que se emprega no plan de eAdministración para os concellos da Deputación de Pontevedra), salienta pola “súa sinxeleza e pola súa facilidade de uso, tanto para o funcionario como para o público, o que se combina coa máis innovadora tecnoloxía e o estrito cumprimento da lei”.
Entre outras cousas, permite a posibilidade de realizar rexistros electrónicos e expedientes dixitais dentro do Concello e habilita unha oficina virtual para o cidadán na que, ademais de iniciar os seu trámites, pode consultar en todo momento o estado da súa solicitude.
A nova sede electrónica da Guarda está dispoñíbel en aguarda.sedelectronica.gal.

PUBLICIDADE