A Galipedia, eixe temático de dous obradoiros a celebrar na Coruña

xoves, 13 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

A Galipedia, a edición galega da Wikipedia (recentemente de celebración por ter acadado os dez anos de vida na Rede, sumando comunidade e seareiros), vai ser o tema central de dous obradoiros previstos para os vindeiros días na Coruña. Estas accións formativas, de balde a abertas a todo tipo de público, celebraranse o día 19 de xuño no Centro Ágora e máis na xornada seguinte, a do 20, no Fórum Metropolitano. Segundo indica a organización, os obradoiros son iguais, só que se levan a cabo en dúas quendas para quen cada quen atope a cita que mellor lle acaia. Ámbalas dúas accións darán comezo ás 19.00 horas, tendo unha duración de unha hora e media e capacidade para 12 participantes (cada unha).
Os obradoiros incluirán, entre outras cousas, a realización dunhas actividades prácticas para coñecer o emprego dos comandos básicos de edición e proxección dun vídeo realizado pola Fundación Wikimedia no que se explica, nuns poucos minutos, os pasos para subir imaxes ou repositorio común das wikipedis. Wikimedia Commons.
A información completa pode atoparse na páxina de información xuvenil do Concello, así como a páxina de inscrición que está aberta ata o sábado 15 de xuño.

PUBLICIDADE