A Galiciencia aborda a súa edición máis especial (a décima) con récord de concellos e proxectos

martes, 17 de novembro do 2015 Redacción

Finalmente comeza este mércores a feira científica para a xuventude Galiciencia, sen dúbida un dos maiores e máis prestixiosos eventos de divulgación de toda a contorna estatal (por número de participantes, pola calidade dos achados e inventos presentados, pola visualización que se acada cada ano dos mesmos, etc). Segundo nos recorda a organización (a Tecnópole de Ourense), a edición 2015 do evento é sen dúbida “unha edición especial”. En parque porque se celebran con ela os dez anos de historia da feira tecnolóxico-científica, e en parte porque nunca antes se acadara un número tan alto de concellos galegos concorrendo, un total de 17 (a participación máis diversa das rexistradas nesta década de andaina do certame).
En cuestión de proxectos tamén hai cifra récord. De feito, presentaranse 74, dos que os 52 de Secundaria competirán polo premio final, mentres que os 22 de Primaria se expoñerán fóra de concurso. A eles súmanse catro proxectos de Catalunya e dous de Euskadi.
Galiciencia celébrase entre o mércores e o venres desta semana en Ourense. Máis polo miúdo, na carpa que a Tecnópole habilitará na propia cidade, un recinto que servirá para expoñer proxectos e recibir a visita de grupos escolares de toda Galicia, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, con entrada libre para particulares e familias tanto en horario de mañá, de 10 a 13 horas, como de tarde, entre as 15 e as 18 horas.
A representación máis numerosa na exposición de proxectos procede dos concellos de Ourense e Vigo, con 12 inventos e enxeños cada un. A provincia de Ourense complétase con outros 10 de Pereiro de Aguiar e un de Pobra de Trives. De Pontevedra chegan, ademais dos de Vigo, 3 de Mos, 2 de Poio, 2 de Meis, un de Sanxenxo, un das Neves e outro de Redondela. Da provincia da Coruña proceden 4 de Santiago, outros tantos de Cambre e 4 máis de Ponteceso, que se completan con 2 de Ferrol. No caso de Lugo, aos 4 do concello capitalino súmanse outros 4 de Folgoso do Courel e un de Ribadeo.
Segundo informa a organización, a Galiciencia chega á súa décima edición cunha oferta de actividades paralelas á exposición de proxectos máis ampla que nunca, que inclúe a conmemoración do Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías baseadas na Luz a través de catro obradoiros orientados a diferentes idades. Neles, os participantes descubrirán os fundamentos e as propiedades da luz, das cores e do láser a través de espectaculares experimentos. Esta será tamén a temática da exposición instalada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da charla que poderá seguirse online desde calquera centro educativo de Galicia grazas á súa retransmisión en streaming.
Polo que atinxe aos máis pequenos, a Tecnópole lembra que “terán a ocasión de mergullarse no mundo da robótica a través doutro obradoiro”. Ademais, todos os que visiten a Galiciencia poderán percorrer os dez anos do evento a través dunha exposición de fotografía na que se recollen os mellores momentos.

PUBLICIDADE