A Galiciencia 2015 entrega o primeiro premio a un dispositivo que optimiza a comunicación alumno-profesor

luns, 23 de novembro do 2015 Redacción

O pasado venres 20 de novembro dábanse a coñecer os gañadores da décima edición da Galiciencia 2015. O primeiro premio foi para un sistema de mellora da comunicación entre alumnos e profesores desenvolvido por alumnos vascos. Máis polo miúdo, o proxecto de Ander Aguiriano e Jonan Andoni Martin, da Lauro Ikastola (Amorebieta-Etxano, Bizkaia) sobresaía entre as 54 propostas de Secundaria que competían polo premio final, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación noutra feira científica estatal (Exporecerca 2016).
Pola súa banda o equipo gañador analizou as dificultades que se presentan na aula entre alumnos e profesores co fin de detectar cal é a razón de que a comunicación se interrompa ou sexa inexistente. Tras realizar entrevistas a alumnos, profesores e orientadores, deseñaron unha proposta baseada nun software adaptado ás necesidades de cada alumno e testárono no caso real dun neno con autismo severo para o que se programou un comunicador dixital, con resultados positivos. Finalmente, contrastáronse os resultados con diferentes expertos no tema e establecéronse as liñas de mellora.
Como adaptación especial para a Galiciencia, estes días no seu posto os alumnos ofrecían aos visitantes a opción de probar a aplicación para aprender algunhas palabras e expresións en euskara.
En canto ao segundo premio, dotado con 500 euros para asistir á feira científica vasca (Zientzia Azoka), correspondeulle ao proxecto técnico para a construción da Galinercia, unha carrilana de tecnoloxía punta. Alejandro González e Anxo Carpintero, do CPR Plurilingüe Santa María-Maristas de Ourense, deseñaron un vehículo de inercia empregando un sistema de balanceo baseado no Carver Surfer, un monopatín experimental de BMW. O equipo foi recoñecido tamén co premio ao proxecto coa mellor comunicación e presentación oral.
En terceiro lugar quedaron Pablo Lomba e Iago Vázquez do Colexio Montecastelo de Vigo, co seu sistema para obter enerxía a partir da circulación de vehículos e persoas, recibiron unha axuda de 200 euros para asistir á feira científica da Coruña. O seu proxecto baséase no aforro enerxético mediante o uso de materiais piezoeléctricos que recargarán unhas baterías a partir da enerxía producida polo paso da xente e dos vehículos que permitirían abastecer de enerxía tanto farois coma semáforos.
De falarmos de novidades nesta Galiciencia 2015, outorgáronse tamén recoñecementos a varios proxectos con base en habilidades e temáticas concretas. Así, a camiseta deportiva con LED preventiva para problemas de corazón, desenvolvida por Erea Barge e Pedro López nas Aulas Tecnópole, salientou como proxecto máis innovador.
O proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido foi a investigación para a recuperación da memoria histórica da Illa de San Simón (Pontevedra). Manuel Delgado e Diego Moreira, do Colexio Alborada de Vigo.
O premio ao mellor proxecto de humanidades foi para “Nin perdo nin esquezo”, de Joan Giralt, que o desenvolveu na Associació per Promoure la Recerca Jove (Magma), de Barcelona. Este traballo audiovisual trata a tráxica historia dunha familia republicana que se viu obrigada a exiliarse a Francia durante o final da Guerra Civil Española.
No acto de clausura entregáronse tamén os premios dos concursos de fotografía e de deseño da camiseta oficial da Galiciencia. Os gañadores do de fotografía son a profesora Antía González, do Colexio Alborada de Vigo, e o alumno Juan Bembibre, do IES Carlos Casares de Vigo. O do deseño da camiseta foi para Luís Feijoo do Colexio Luís Vives de Ourense. A deseñadora da mascota oficial, Sira Ricoy, recolleu tamén o seu premio.

PUBLICIDADE