A Galiciencia 2011 afondará no uso dos códigos BIDI e nas múltiples conexións entre ciencia e cinema
xoves, 10 de novembro do 2011
- Dous rapaces participando nunha das anteriores edicións da feira da Tecnópole de Ourense
A Galiciencia deste ano vén
cargadiña de actividades, todas elas dirixidas a favorecer o contacto, canto máis
temperán mellor, entre a rapazada do país e as múltiples facianas da dedicación
investigadora. En definitiva, que o que pretende o Parque Tecnolóxico de Galicia, a
Tecnópole de Ourense, con esta
actividade é sacar a/o científica/o que todos e cada un dos nosos nenos leva
dentro. A feira Galiciencia celébrase este ano os días 23, 24 e 25 de novembro,
sendo os seus eixes temáticos fundamentais os moitos xeitos de loitar polos
nosos bosques e máis os segredos a descubrir no eido da química. Por esta razón,
incluiranse actividades ligadas a estas cuestións, tal e como sinalamos en Código
Cero hai uns días. Pero o programa non se pecha aí: haberá tempo para
descubrir, xogando, os segredos dos códigos BIDI e mesmo para albiscar, tan
preto como sexa posíbel, os misterios das galaxias.
Tamén haberá un oco para o cinema, con
proxeccións de filmes que traten a cuestión científica e que vaian poñendo nos
nosos nenos a semente científica.
A continuación, damos conta destas e outras
actividades incluídas no programa:
Chiscadas
de ollo para mentes inquietas
En Galiciencia, segundo nos conta a Tecnópole,
tamén se busca que os máis novos se familiaricen coas últimas tecnoloxías e
vexan aplicacións prácticas experimentando con elas. Para acadalo, en primeiro
lugar usaranse os códigos BIDI, que son os que se usan nos móbiles intelixentes
actuais. Estas imaxes posibilitan, entre outras cousas, que os nosos móbiles
descifren textos ocultos alí acubillados, só con enfocalos cara eles. No
transcurso da Galiciencia, para ir familiarizando aos rapaces co miolo desta
innovación, colocaranse cada día un conxunto de imaxes BIDI ao longo e ancho
das instalacións, ocultándose unha serie de pescudas para ir xuntando pezas e
logo dar cun achado. A maiores disto, á entrada da carpa colocaranse
dispositivos que permitirán o achegamento dos visitantes á coñecida como
Realidade Aumentada (Augmented Reality),
que permite mostrar imaxes tridimensionais ao situar un debuxo ante unha
cámara.
Obradoiro
Termalismo
Esta actividade busca subliñar a estreita
relación de Ourense co termalismo. A proposta da organización é levar a cabo
unha aproximación investigadora á cuestión. O obradoiro permitiralles aos
asistentes coñecer a historia das augas termais e realizar análises e
experiencias que lles axudarán a afondar no seu coñecemento. Contidos: xeoloxía
das augas termais de Ourense, historia e orixe do termalismo local, tipos de
auga, análises de mostras, comprobacións experimentais, o termalismo na
actualidade, etc. A duración é de 50 minutos. O obradoiro diríxese ao alumnado
de Secundaria e máis de Formación Profesional.
Planetario
O espazo de planetario Sphera e o seu sistema
de proxección dixital esférico vaille permitir á organización levar a cabo
sesións de planetario nas que se combinarán dous tipos de contidos relacionados
co espazo. Na primeira parte explicaranse conceptos básicos sobre a observación
do firmamento (conceptos de estrela, planeta, constelación, etc.) e as
características do ceo que podemos observar en Galicia ao longo do ano, poñendo
especial énfase no característico do outono. Na segunda parte proxectarase unha
película en formato fulldome (cobre a
totalidade do planetario) que fará fincapé en como se adestran os astronautas e
os riscos que entraña viaxar ao espazo, informa polo miúdo a Tecnópole. A
actividade terá unha duración de 50 minutos. Os destinatarios serán alumnas e
alumnos de Primaria.
Ciencia
e Cinema
O cinema é unha xanela á ciencia. Máis alá da
semellanza evidente entre ámbolos termos, estamos ante un tema, o da arte
audiovisual, que parece ter ido da man, dende ás súas orixes, dos temas máis
candentes sobre investigación e estudo do noso mundo e dos que nos rodean. De
feito, os directores máis salientábeis dos comezos do cinema, como por exemplo
os Lumiere ou Melies, eran tan científicos como artistas. A acción que presenta
a Tecnópole tentará dar resposta a estas preguntas:
· Ten base científica o que vemos nas
películas?
· Cales son as técnicas que permiten crear
animais xigantescos e ataques extraterrestres?,
· Por que os extraterrestres sempre nos queren
exterminar se non lles fixemos nada?
Durante a actividade proxectaranse fragmentos
de películas que forman parte de imaxinario colectivo (Tiburón, Starwars, Mars Attack...) de nenos e maiores e, tamén,
avaliaranse en todo detalle a súa base científica, levando a cabo experiencias para
comprobar se se axustan á realidade. Duración: 50 minutos. Público: Sesión no Salón de actos. Público en
xeral.
Extra,
Extra!
Segundo informa a Tecnópole na súa web, Galiciencia
terá por primeira vez a súa revista oficial. Os proxectos e os seus respectivos
promotores, as actividades paralelas, as impresións dos asistentes e todo o que
suceda a maiores durante a celebración da feira será plasmado en papel “para
que participantes e visitantes poidan levar un relato profesional do que
viviron”, infórmase.
Os xornalistas que elaborarán esta revista
serán os propios alumnos de Secundaria que previamente serán formados como
reporteiros científicos. “Uns redactarán
reportaxes, outros farán entrevistas e enquisas, outros serán fotógrafos, pero todos participarán, dende a redacción que
instalaremos en Tecnópole na celebración de Galiciencia, na edición da que será
a primeira revista oficial do evento”, engade a organización.
Cando e
Onde?
Días 23, 24 e 25 de novembro.
No Edificio CEI do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole)
San Cibrao das Viñas, 32900. Ourense.
Máis información: sabela@tecnopole.es
Teléfono 988 368 100