A Galega renova a súa páxina web

luns, 16 de maio do 2011 Marcus Fernández

A Compañía da Radio e Televisión de Galicia aproveita a data do Día das Letras Galegas para renovar a súa páxina web no que poderiamos definir como un cambio tranquilo, posto que a nova feitura chega só nunha versión de proba que o público pode visitar a través dunha ligazón na portada da web anterior, fuxindo dun cambio traumático e facilitando así que o novo espazo vaia collendo forma segundo a resposta do público.
O cambio máis notable do novo espazo é a nivel estrutural, pois o novo deseño reparte os contidos en grandes áreas que non só diferenciarían a televisión e a radio, senón que tamén dan unha importancia especial ao deportes (permitindo o seguimento en directo de varios encontros simultáneos vía web e unha interacción social en tempo real durante os mesmos), aos contidos culturais, a unha nova sección infantil e á inevitable información meteorolóxica.
Tamén pode destacarse o feito de que plataformas como Facebook ou Twitter están fortemente integradas no novo espazo, facilitando a comunicación coa audiencia e contribuíndo a dar unha imaxe unificada da CRTVG na Internet.
Pese aos cambios de molde, a páxina web da Compañía continúa a ofrecer contidos audiovisuais en directo e en diferido, incrementa o peso do vídeo nas súas páxinas e incorporando distintas novidades que a pasada fin de semana Esther Medina, xefa do Servizo de Innovación e Novas Canles da CRTVG, comentou no programa Banda Ancha da Radio Galega:


Medina adiantou que no futuro a CRTVG contará con aplicacións que faciliten o acceso aos seus contidos dende dispositivos con iOS e Android

Atendendo a unha das suxestión que máis chegaban ao departamento que dirixe Medina, o novo espazo deixa de transmitir os seus contidos a través de tecnoloxía de streaming de Microsoft para empregar unha solución multiplataforma, de xeito os contidos estarán dispoñibles en PC, Mac, móbiles, tablets… para o que tiveron que «facer un traballo de recodificación de contidos importante». Deste xeito, tanto as transmisións en directo coma os contidos á carta están dispoñibles para multitude de dispositivos, facilitando o consumo audiovisual por parte do público.
A nova páxina web buscou, entre outras cousas, que «cada marca teña unha imaxe unificada, que o usuario saiba que está nun contido da radio, un contido da televisión ou un contido da Compañía» evitando que as marcas se diluísen coma no anterior deseño.
Medina comentou que coa nova web o que queren é «crear unha canle máis desta casa. A Internet a vemos con esa posibilidade e o que facemos é reutilizar certos contidos para convertelos nun produto web. Haberá cousas da casa (..) pero haberá tamén produtos propios da web. Por exemplo, a sección infantil, que é unha das grandes apostas que facemos vai nesa liña» buscando ser un referente de contidos de calidade para nenos en Galicia.
O novo espazo aposta polo contido creado en Galicia e pola reutilización dos contidos anteriores. Tamén creáronse novas canles temáticas de temas como a cociña, festas galegas… nas que facilitan a localización de contidos nos seus programas.
Entre o que queren destacar da nova web está o feito de que «todo o contido pode compartirse; todo o contido pode valorarse. O usuario está presente en toda a web. Queremos que traslade ese tipo de contido ás redes sociais», o que consideran que é un compromiso ao que teñen que atender dende a CRTVG como servizo público.
No que á radio se refire podemos subliñar novidades como a creación de «podcasts de determinados programas» e dun espazo chamado Os protagonistas no que se pon cara aos presentadores de radio.
Sobre a posibilidade de que nun futuro poidamos gozar de aplicacións que faciliten o acceso aos contidos da CRTVG dende móbiles e tablets, a xefa do Servizo de Innovación e Novas Canles asegurou que están «rematando do prego técnico» para que en breve poidamos gozar de aplicacións da CRTG para dispositivos móbiles, o que consideran que é o paso natural tras a remodelación da páxina web da Compañía.

Esther Medina destacou no programa Banda Ancha da Radio Galega que a nova web da CRTVG ten en conta dispositivos como o iPad, o iPhone ou os móbiles con Android de cara ao acceso aos seus arquivos audiovisuais
Polo momento o novo espazo web da CRTVG está dispoñible en probas, no que pretenden que sexa un cambio tranquilo
A nova web facilita o acceso aos vídeos dende múltiples dispositivos, conservando a oferta de contidos anterior e engadindo novas seccións
A nova páxina web fará unha importante aposta polos contidos infantís, ofrecendo numerosas series en galego baixo demanda
O espazo non esquecerá os contidos culturais

PUBLICIDADE