A Fundación Uxío Novoneyra e a Deputación de Lugo crearán unha plataforma de literatura galega e integración social

xoves, 1 de febreiro do 2018 Redacción

A Fundación Uxío Novoneyra e a Deputación de Lugo van pór en marcha unha plataforma tecnolóxica para promover a literatura galega entre colectivos vulnerábeis en Europa. O labor de promoción, que tamén se levará a cabo polas canles tradicionais de coñecemento e de acceso á lectura, terá como marco de acción o Proxecto Comunitario SILO (Operacións Literarias Socialmente Inclusivas), impulsado pola entidade que leva o nome do célebre poeta do Courel e coa colaboración da Deputación. A iniciativa SILO foi presentada hoxe (durante o Obradoiro do Libro do CENTRAD) pola deputada de Cultura, Pilar García Porto, o xerente da Fundación Uxío Novoneyra, Uxío Novo Rey.
O Proxecto SILO terá, nun principio, un alcance de tres anos. Trátase, como dixemos, de impulsar, visualizar e achegar a nosa literatura a Europa, e viceversa (a europea na nosa terra). A iniciativa, dotada de 335.000 euros, mostrará as letras galegas e europeas en lugares como, por exemplo, poboacións illadas do rural e da Montaña, coma O Courel sen ir máis lonxe; centros escolares; residencias de maiores, así como entre colectivos vulnerábeis: drogodependentes ou reos, entre outros. A Deputada avanzou que a primeira xornada deste encontro celebrárase dende o 21 ao 26 de agosto no Courel, e haberá un intercambio de escritores, poetas, tradutores de toda Europa.
García Porto avanzou que SILO é o único proxecto de Europa Creativa que se realiza na provincia de Lugo, cun investimento de 335.000 euros dos que 200.000 euros son financiados pola Unión Europea, e 135.000 euros polas 7 entidades internacionais: Fundación Uxío Novoneira, en España; Aarhus Public Libraries e Aaurus Universitet, en Dinamarca; Association Krokodil, en Serbia; Câmara municipal da Madalena do Pico, en Portugal; Cultuurhuis de Warande, en Bélxica; e Szepirok Tarsasaga, en Hungría.
Este proxecto, engadiu, contará tamén con unha plataforma dixital coa que os participantes de toda Europa poderán interactuar.

PUBLICIDADE