A Fundación TIC recibe o Trofeo Espírito Barista

xoves, 22 de febreiro do 2018 Redacción

A Fundación TIC da Deputación de Lugo recibiu esta quinta feira (xoves) o Trofeo Espírito Barista polos dez anos de colaboración cos Campionatos Internacionais de Baristas de Foz, unha distinción acordada por unanimidade polo comité organizador dos eventos do IES focense. O patrón da TIC e deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, foi o encargado de recoller o recoñecemento. E fíxoo “en nome de todos os alumnos e alumnas da Escola de Imaxe de Son que participaron desde 2008 neste acontecemento”. Ao fío disto, lembrou que os estudantes de segundo de realización encárganse nesta edición, precisamente, de emitir en directo as tres competicións desenvolvidas, a través de Internet e en streaming.
Santos estivo na entrega de galardóns acompañado do deputado de Turismo, Eduardo Vidal, e a xerente da TIC, Margarita Soilán. Segundo anunciaron, haberá apoio da fundación para longo: “A nosa intención é manter a colaboración da TIC co IES de Foz, xa que é moi positiva para ambas partes, tanto para a formación práctica dos nosos alumnos como a promoción da Escola de Hostalería de Foz e o gran traballo que está a facer, ademais de contribuír a dar a coñecer o Concello focense a nivel nacional e internacional”.
A entrega tivo lugar ao remate da final do XI Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, na que participaron 18 Escolas de Galicia, Cantabria, País Vasco Castela León e París.
Eduardo Vidal foi o encargado de entregar o terceiro premio a Alberto Castedo, do IES Sanxillao. A primeira clasificada foi a ourensá María Vila, do IES Vilamarín, e a segunda, Silvia García, do CIFP Compostela.
Santos, amais de todo o devandito, tamén lembrou que o alumnado de segundo de realización da Escola de Imaxe e Son tamén se encargará mañá da retransmisión en streaming do VI Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que poderá verse a través das redes sociais Facebook e YouTube. Ao igual que no caso dos Campionatos de Escolas de Hostalería e de Catas de Café, ademais da emisión en directo, os estudantes editarán vídeos de cada un dos participantes para compartilos nas redes.
O streaming das tres xornadas realízanse con cinco cámaras. Os alumnos rotan por todos os postos: operador de cámara, mesa de son, grafismo, fotografía, axudante de realización, realización e edición de vídeos. Santos lembrou que este “é un exemplo do modelo educativo da TIC, baseado nas prácticas en escenarios reais”.

PUBLICIDADE