A Fundación TIC promoverá nas redes a Ruta dos Lobos da Fonsagrada

mércores, 4 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

A Fundación TIC da Deputación de Lugo vén de reforzar a súa aposta pola Ruta dos Lobos da Fonsagrada, organizada polo Concello e a Asociación Deportiva Fonsagrada Balompié co obxectivo de reivindicar as posibilidades deportivas e de lecer da rica contorna natural do devandito municipio, ao tempo que se visualiza o patrimonio local e paisaxístico e dinamízase o rural fonsagradino. Segundo nos conta a Deputación, trátase do quinto ano consecutivo en que a Fundación TIC apoia esta proba cicloturista. Máis en detalle, a colaboración consiste na elaboración de audiovisuais e reportaxes e a súa posterior distribución nas redes, co fin de “contribuír á posta en valor do excepcional patrimonio cultural e paisaxístico da bisbarra fonsagradina e á dinamización do noso rural”.
Así o fixo saber o patrón da TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, quen estivo na presentación da proba acompañado polo alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, o técnico de deportes, Enrique Fernández e o animador deportivo, Silván Palmeiro. No acto proxectouse o audiovisual da ruta do ano pasado elaborado pola TIC.
O patrón da Fundación afirmou que “este é un exemplo máis de cooperación cos concellos e de apoio ao tecido asociativo da provincia, neste caso, á Asociación Deportiva Fonsagrada Balompié, unha organización formada basicamente por mozos fonsagradinos, que son a mellor garantía de futuro do noso rural”. Segundo engadiu, “iniciativas coma esta xeran riqueza, directa e indirecta, e promoven un turismo sustentábel”.
Santos tamén salientou o firme compromiso coa proba da Fundación TIC, dende a súa primeira edición, “unha proba plenamente consolidada no calendario dos seareiros da natureza e do ciclismo de montaña”, cousa que se reflicte no axiña que se cobren as prazas dispoñíbeis en cada convocatoria (aos poucos días da apertura do prazo de inscrición). Este ano, por certo, bateuse un novo récord con 450 participantes, procedentes de toda Galicia, maioritariamente de Vigo e Coruña, pero tamén de Asturias, León e Euskadi.
Segundo anunciou Álvaro Santos, un equipo de profesionais e bolseiros da Fundación TIC gravarán a ruta e logo editarán un vídeo que “contribuirá á promoción dunha das xoias naturais da nosa provincia: a Montaña de Lugo”. O deputado engadiu que a elaboración deste audiovisual “tamén supón unha oportunidade máis para os bolseiros da nosa Escola de Imaxe e Son de poñer en práctica os seus coñecementos, sempre baixo a supervisión de profesionais”.

PUBLICIDADE