A Fundación TIC organizará en Xuvenciencia un obradoiro de contidos para YouTube

luns, 3 de xullo do 2017 Redacción

A Fundación TIC da Deputación de Lugo vén de subir un novo chanzo no seu labor de cooperación coa Universidade de Santiago, e faino apoiando o desenvolvemento da quinta edición do Campus de Verán Xuvenciencia, que se celebra do 2 ao 8 de xullo. Ao abeiro desta colaboración, a Fundación TIC aplicará a súa longa experiencia elaborando audiovisuais e promovéndoos nas redes realizando un obradoiro de contidos para YouTube.
A dita actividade será impartida por un docente da Escola de Imaxe e Son. Isto complementarase cos traballados dunha equipa de profesionais e bolseiros da TIC achegando apoio técnico e asesoramento para o alumnado con vistas a dar forma aos vídeos de presentación dos proxectos finais dos estudantes. A achega da Fundación TIC complementarase con reportaxes e un vídeo de escolma dos intres máis destacados de Xuvenciencia, que se proxectará o día da clausura.
Xuvenciencia conta coa participación de 130 alumnos de cuarto da ESO e Bacharelato en máis dun centenar de actividades. Desenvólvese ao abeiro do programa estival do Campus Terra (Campus de Lugo), tentando mostrar á xuventude preuniversitaria a ciencia e a tecnoloxía dun xeito práctico, fomentar o seu interese polas titulacións neste eido e amosar os itinerarios formativos das seis facultades e escolas da USC en Lugo. A eles súmanse os ciclos de formación profesional que é posíbel estudar na cidade, incluídos os superiores de Realización e Produción que se imparten na EIS.
O doutor en Física Cibrán Santamarina, profesor da USC e colaborador do CERN, abrirá o V Campus de Verán cunha charla titulada Elemental, querido Schrödinger.
Segundo lembra a Deputación de Lugo, a Fundación TIC mantén dende hai tempo unha estreita colaboración coa USC para impulsar o Campus Terra, con varias actuacións como a difusión da campaña Para Estudar Lugo, que impulsa a entidade provincial. Entre outras achegas divulgativas, cómpre salientar a do curso de verán O impacto da prensa local na configuración do tecido social e político. O caso de Ortigueira, celebrado na Facultade de Humanidades e a visita didáctica realizada, este curso, polos alumnos do cuarto ciclo ás instalacións da TIC.

PUBLICIDADE