A Fundación TIC mostra no Campus Xuvenciencia como elaborar vídeos para YouTube

xoves, 5 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

A Fundación TIC da Deputación de Lugo segue a poñer ao alcance da mocidade os seus recursos e experiencia en contidos dixitais. Diso precisamente trata o obradoiro de novas tecnoloxías que, ao abeiro do Campus de Verán Xuvenciencia Lugo 2018, desenvolveuse na cidade da Muralla. Para dar conta do curso e xuntarse cos participantes (130 alumnas e alumnos da ESO e Bacharelato), a actividade formativa recibiu hoxe a visita da deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, acompañada pola coordinadora do sexto Campus de Verán Xuvenciencia Lugo, Mercedes Novo Rodríguez. O obradoiro sobre contidos audiovisuais Como elaborar vídeos para Youtube celebrouse nas instalacións da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC.
López Izquierdo salientou que “a Deputación de Lugo colabora coa Universidade de Santiago co plan de choque que facilita o financiamento deste Campus de Verán, ademais da colaboración da Fundación TIC, que gravará todo o evento e as distintas actividades dun programa moi diverso que hai para este ano”. Segundo fixo saber, “esta é unha oportunidade única para que o alumnado coñeza en vivo e en directo, con prácticas e obradoiros todo o relacionado coas titulacións científico-técnicas ou científicio-sociais do Campus Terra de Lugo”.
Un equipo de profesionais e bolseiros da TIC ofrecerá tamén apoio técnico e asesoramento ao alumnado para realizar os vídeos de presentación dos seus proxectos finais. A achega da Fundación TIC complementarase con reportaxes e un vídeo coa recompilación dos momentos máis salientábeis de Xuvenciencia, que se proxectará o día da clausura.

PUBLICIDADE