A Fundación TIC da Deputación de Lugo introduce nas utilidades das novas tecnoloxías aos maiores da Fonsagrada

martes, 12 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A Fundación TIC da Deputación de Lugo está a impartir esta semana na Fonsagrada unha das actividades formativas do seu programa formativo tecnolóxico para este segundo semestre de 2018, un programa centrado en achegar as moitas vantaxes das novas tecnoloxías aos maiores da provincial, poñendo o foco no rural. O alcalde de Fonsagrada e vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, mantivo este 12 de xuño unha xuntanza cos 20 participantes do obradoiro, centrado no manexo e máis no emprego do teléfono móbil. Trátase do terceiro curso que ofrece a TIC neste concello.
Fernández Queipo salientou “o éxito que están a ter estes cursos formativos, tal e como constatamos nos que xa levamos impartidos en Navia de Suarna, Foz e Xermade e Ribeira de Piquín”. Tamén manifestou o seu interese por conseguir que a Fundación TIC recunque con máis obradoiros en Fonsagrada, "para dar resposta á importante demanda existente”. Segundo fixo saber, “isto demostra o interese que hai por parte dos maiores sobre a utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”.
O vicepresidente dixo que “desde o Goberno da Deputación traballamos polo noso rural e promovemos iniciativas que melloran a calidade de vida dos nosos veciños co obxectivo, entre outros, de facer fronte ao despoboamento. Neste punto, as novas tecnoloxías representan un papel moi importante, polo que seguiremos promovendo o seu uso entre os nosos maiores para facilitar o seu día a día e o contacto cos seus familiares e amigos”.
Máis de mil prazas
As vindeiras citas dos cursos da Fundación TIC de novas tecnoloxías impartiranse nas localidades de Monforte de Lemos, Alfoz e Ribadeo. Este segundo trimestre de 2018, a entidade da Deputación fornece 1.085 prazas nos 81 cursos que imparte, tanto na sede da entidade como na provincia. Segundo explica o Goberno provincial, esta cifra supón un incremento do 60% con respecto á tempada anterior. O obxectivo, engade, é “dar resposta á alta demanda que hai destas actividades, tal e como queda reflectido cada vez que se abre a inscrición e quedan cubertas todas as prazas ás poucas horas”.

PUBLICIDADE