A Fundación TIC amosará con contidos dixitais o labor dos empresarios novos de Lugo

venres, 31 de marzo do 2017 Redacción

A Fundación TIC da Deputación de Lugo e AJE Lugo (a Asociación de Empresarios Novos da provincia de Lugo) veñen de asinar un acordo destinado a estreitar a colaboración para divulgar a cultura emprendedora nos concellos lucenses, facendo especial fincapé na poboación nova, “e especialmente entre o alumnado e os titulados da Escola de Imaxe e Son”. O patrón da TIC, e deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e o presidente de AJE-Lugo, Mauricio Repetto Morbán, asinaron este venres o convenio e salientaron que en virtude del, a entidade da Deputación difundirá nas redes e con contidos dixitais o labor que desenvolve a asociación empresarial.
Pola súa banda, AJE ofrecerá a experiencia dos seus asociados aos alumnos da EIS e impartirá masterclass nas que as mozas e mozos coñezan a iniciativa emprendedora e cal é o camiño que teñen que seguir para decantarse pola vía do autoemprego. Tamén ofrecerá prazas para que realicen o módulo de Formación no Centro de Traballo (FCT) ao abeiro da asociación. Ademais os titulados de Realización e Produción da Escola da TIC que estean inscritos na bolsa de traballo da entidade da Deputación de Lugo poderán desenvolver, en colaboración con AJE, traballos prácticos de investigación e desenvolvemento.​

PUBLICIDADE