A Fundación TIC achegará vídeos nas redes para contribuír á recuperación do porco celta

xoves, 26 de outubro do 2017 Redacción

A Fundación TIC da Deputación de Lugo anunciou hoxe o seu compromiso para contribuír á recuperación dunha das nosas especies máis ameazadas, o porco celta. E farao a través dunha das principais metodoloxías da entidade TIC: a realización de traballos audiovisuais con ramificacións múltiples na Internet e nas redes sociais. Neste caso concreto, as pezas irán destinadas a difundir as actividades que desenvolve a Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (ASOPORCEL) na recuperación, conservación e fomento desta raza autóctona, a día de hoxe constituída por uns 4.100 exemplares, e cunha tendencia progresiva á baixa malia o importante traballo da dita entidade a prol da súa preservación dende 1999.
O convenio foi asinado polo patrón da TIC e deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e o presidente de ASOPORCEL, José Barreira Alonso. O acordo, a maiores, prevé a formación práctica de bolseiros da Escola de Imaxe e Son da TIC coa realización destes vídeos.
Álvaro Santos salientou o labor que está a desenvolver a asociación desde que naceu hai case vinte anos: “En 1999, a raza de porco celta estaba case desaparecida, pero grazas ao encomiábel traballo desta asociación, o censo no número de exemplares foi recuperándose”. Porén, os esforzos teñen que proseguir, dixo, de aí o compromiso da TIC “achegando a nosa colaboración para dar a maior difusión posible a este labor”, dixo, engadindo que a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta leva dende 1999 desenvolvendo tarefas como a integración de todos os criadores para representar, defender e promover os seus intereses económicos, sociais, culturais e profesionais; o control xenealóxico dos animais desta raza; a promoción, difusión e divulgación do porco celta entre os distintos públicos; e a realización de estudos para definir criterios zootécnicos.

PUBLICIDADE