A Fundación Naturgy formará en enerxía intelixente e sustentábel a 2.800 estudantes da nosa terra

xoves, 10 de outubro do 2019 Redacción

A Fundación Naturgy puxo en marcha o programa Efigy Education, unha iniciativa innovadora que porá ao alcance dos centros educativos españois os coñecementos máis actualizados sobre novas tecnoloxías enerxéticas (como o gas renovábel e o seu papel na economía circular, ou a transición intelixente cara a un sistema de enerxía máis sustentábel), cun programa de formación continua durante todo o curso escolar. O programa itinerante ten como obxectivo formar a 20.000 alumnas e alumnos de centros de máis de 100 concellos de toda España. En Galicia serán ao redor de 2.800 as mozas e mozos que gozarán de 111 actividades.
Estas 111 accións levaranse a cabo en institutos e colexios da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Narón, Oleiros, Cerceda, Ordes, Carral, Pontevedra, Vigo, Vilagarcia de Arousa, Ourense e Lugo.
Segundo informa a compañía eléctrica, Efigy Education completa a oferta educativa que a Fundación Naturgy puxo en marcha en 2012, pero aglutinando a totalidade dos recursos didácticos da institución e intensificando o labor divulgativo enerxético entre as novas xeracións, “para que poidan contribuír á sustentabilidade futura do planeta”.
A directora xeral da Fundación Naturgy, María Eugenia Coronado, manifestou que “é deber da fundación inspirar aos máis novos para que tomen conciencia sobre o complexo reto que temos que abordar en materia de enerxía”. E engadiu: “Como sociedade, deberemos contar con todo o talento para acelerar a transición cara a un novo sistema enerxético máis tecnolóxico e respectuoso co medio ambiente, e con Efigy Education queremos contribuír a iso”.
O programa formativo, impartido por educadores especializados, é de balde e terá continuidade durante todo o curso. Efigy Education ofrecerá contidos sobre enerxía no ámbito das disciplinas STEM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), adaptados a todos os niveis do currículo escolar, co obxectivo tamén de impulsar as vocacións tecnolóxicas desde idades temperás.
Con este novo proxecto, a fundación fornecerá ao profesorado de acceso á información técnica máis actualizada en cuestión enerxética, ofrecendo aos docentes materiais didácticos adicionais para traballar de maneira autónoma en clase, como son os Energykits, as aplicacións online, o programa Aprendizaxe-Servizo ou o Certame Tecnolóxico Efigy.
Lanzamento do II Certame Tecnolóxico Efigy
No marco do programa Efigy Education, a Fundación Naturgy abriu tamén a convocatoria da segunda edición do Certame Tecnolóxico Efigy, co que premiará proxectos inéditos de eficiencia enerxética, elaborados por alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) de centros educativos españois. Con este certame, a Fundación Naturgy busca “espertar as vocación dos estudantes por temas enerxéticos, tecnolóxicos e ambientais, e promover unha educación en usos sustentábeis e responsábeis da enerxía”, ao tempo que se reforzar a capacidade dos estudantes para traballar en equipo e as súas habilidades comunicativas.
Na primeira edición, foron seleccionados 15 centros educativos. Durante a final, celebrada o pasado mes de xuño en Madrid, un xurado de expertos valorou os proxectos presentados e elixiu os gañadores das distintas categorías (a proposta máis innovadora, a máis realizábel, a mellor comunicada e o centro educativo máis implicado), que premiaron proxectos da Rioxa, Aragón e a Comunidade de Madrid. A inscrición no certame é gratuíta e poden consultarse as súas bases de participación na web da fundación.

PUBLICIDADE