A Fundación Everis inclúe Galicia no seu programa para diminuír a fenda científico-tecnolóxica de sexo
mércores, 20 de decembro do 2017
A
Fundación Everis vén
de pór en marcha a terceira edición do seu programa de asesoramento
para mozas adolescentes, unha iniciativa encamiñada a reducir a
fenda de sexo que separa a boa parte das nosas estudantes dos
estudos científicos e TIC (unha fenda que, lonxe de diminuír, non
para de medrar). O programa Púlsar, así se chama, conta coa
participación activa de mulleres referenciais no ámbito das novas
tecnoloxías da información e a innovación, mostrando as súas
experiencias e botando abaixo os atrancos (estereotipos,
discriminación, desinformación) que impiden ás mozas acceder a
este tipo de carreiras. A idea, sinala Everis, é que as rapazas (de
idades comprendidas entre 15 e 17 anos) descubran e potencien o seu
talento.
Nesta
terceira edición incrementouse o número de participantes respecto
ao ano anterior, intervindo en colexios de Madrid, Barcelona e, por
primeira vez, de Santiago de Compostela. Ademais, está a levarse a
cabo o espallamento do programa a países de Latinoamérica onde
Everis ten presenza, como por exemplo México, Perú ou Brasil.
No
capítulo de novidades, amais da estrea galega no programa, este ano
haberá charlas de motivación nos centros educativos dirixidas a
preto de 1.000 estudantes (mozos e mozas) de 4º ESO e 1º de
Bacharelato, para “transmitirlles a importancia da autoestima na
adolescencia e concienciarlles da existencia da brecha de sexo na
sociedade”.
Segundo
informa a Fundación Everis, a metodoloxía desta iniciativa está
baseada no learning by doing (aprender facendo), e o
método de traballo está orientado “á curiosidade, a exploración,
o descubrimento, a interacción e creación dos contidos, así como a
reflexión e conexión destas aprendizaxes coa súa día a día”.
Karla
Alarcón, directora da entidade, apunta que “é fundamental que os
pais e as institucións educativas avancen xuntos para conseguir a
igualdade de oportunidades e tamén é preciso que as mozas sexan
quen de achar o seu propio talento; para iso, cremos importante
achegar as rapazas a mulleres referentes que as impulsen no seu medre
persoal e, por tanto, profesional, a través da súa propia
experiencia”.