A Fundación Everis impulsa o talento das estudantes do IES Antonio Fraguas de Santiago

xoves, 18 de marzo do 2021 S. P.

A Fundación Everis puxo en marcha a sexta edición do seu Programa Púlsar para achegar asesoramento e seguimento individualizados a mozas de entre 15 e 16 anos co obxectivo de reducir a brecha de xénero. A Coruña é unha das provincias nas que desenvolve o programa. Celebrarase por cuarto ano consecutivo no Instituto Antonio Fraguas de Santiago, centro que colabora coa firma tecnolóxica Everis para implementar o programa entre as súas alumnas.
En concreto, Púlsar conecta a mozas adolescentes de alto potencial, carentes de referentes femininos, con mulleres de éxito profesional en diferentes eidos, incluído o das novas tecnoloxías da información, que exercen de role model. O obxectivo é empoderar ás mozas para que descubran o seu talento e continúen o seu itinerario formativo.
A metodoloxía do programa está orientada a fomentar a curiosidade, a exploración, o descubrimento e a reflexión, establecendo unha conexión entre estas aprendizaxes e o día a día.
A sexta edición do Programa Púlsar desenvolverase en España, Brasil, Colombia e Perú nas cidades de Alacante, Barcelona, Cartaxena, Madrid, Santiago de Compostela, Lima, São Paulo e Bogotá.
En España, o equipo de mentoras está composto por 120 mulleres referentes, directivas que alcanzaron o éxito profesional en empresas punteiras de sectores como banca, enxeñaría, saúde, comunicación, tecnoloxías, educación, etc., e que colaboran no programa de maneira altruísta.
Ao longo de seis sesións individuais, mozas e mentoras avanzarán xuntas no proceso. En cada unha delas abórdase un reto que permitirá ás estudantes identificar os seus talentos, examinar alternativas de continuidade de estudos, realizar alianzas na súa contorna e desenvolver un plan para alcanzar os seus obxectivos.
Co obxectivo de “escalar o programa e facilitar o seu espallamento”, a Fundación Everis ofrece toda a metodoloxía e as mellores prácticas de Púlsar nun curso gratuíto online (MOOC) de forma que calquera persoa, institución, ONG, centro educativo, poida impartilo con adolescentes da súa contorna máis próxima.

PUBLICIDADE