A Fundación CEL presenta a nova edición dos seus premios á innovación e ao emprendemento

xoves, 12 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Baixo o lema Emprendendo que é xerundio presentouse este xoves en Lugo a nova edición, a catorce, dos Premios Anuais da Fundación CEL, uns galardóns que se dirixen a recoñecer, entre outras cousas, o máis salientábel da innovación empresarial da cidade e da provincia e que este ano, como unha das grandes novidades, contan co patrocinio da Deputación de Lugo. Como dixemos, os galardóns presentáronse baixo un epígrafe que non é só un resumo de intencións, senón un convite a participar, non só nos propios premios senón, sobre todo, na reactivación da economía empregando unha fórmula de probada utilidade: innovación, coñecemento e colaboración.
Segundo fixo saber José Luis Otero Feijóo, responsábel da comisión dos Premios do Padroado da Fundación e xerente de Fundicións Pardo, cómpre emprender porque é preciso, porque fai nos falta e porque non debemos ficar paralizados nesta situación de crise que nos afecta a todos. Cómpre, dixo na presentación dos premios, crear futuro.
Ao seu carón, participaron na posta en longo dos galardóns o coordinador da entidade, Rodolfo Ojea, e máis o técnico responsábel do certame, Francisco Muinelo. Xuntos explicaron as diferentes categorías e modalidades dos galardóns, obxectivos e demais, uns premios que coinciden, por certo, coa celebración do 15 aniversario da Fundación CEL. Por certo que amais do apoio da Deputación, contarase este ano co patrocinio da Caixa Rural Galega, Banco Pastor e Novagalicia Banco. Tamén colaborarán IGAPE-BIC Galicia e a Consellería de Cultura e Educación.
Entre as novidades deste ano cómpre salientar tamén a apertura da modalidade do Premio a Proxectos de Creación de Empresas impulsados por alumnos da formación profesional e tamén a entrada en xogo nos xurados dos membros da Xunta Xeral da Fundación CEL, e non só (como até o de agora) membros do padroado e entidades patrocinadoras e colaboradoras. A intención é dar “un carácter máis participativo” a estes recoñecementos, subliñouse.
Categorías e Modalidades
Haberá tres categorías e sete modalidades:
· Premios a la Iniciativa Empresarial, que abranguen catro modalidades (Premios a
Proxectos de Creación de Empresas, a Proxectos Universitarios de Creación de Empresas, a Proxectos de Creación de Empresas de Alumnos de Formación Profesional e a Proxectos de Investigación e Innovación Aplicada á Empresa).
· Premios á Actividade Empresarial, coas súas dúas modalidades: Premio á Calidade, Seguridade Industrial e Protección Medioambiental e o Premio ao Compromiso Social e á Creación de Emprego.
· Premio a Proxectos de Promoción Exterior da Provincia de Lugo
No que atinxe á primeira categoría dicir que está pensada para a captación e máis o lanzamento de ideas empresariais innovadoras, con potencial para converterse en firmas reais. Cada modalidade está dotada con 3.000 euros e unha estatuíña conmemorativa.
Os segundos premios, os da Actividade Empresarial, servirán para distinguir a andaina profesional das empresas afianzadas e a influencia do seu traballo na mellora económica e social da provincia e máis a súa proxección exterior.
A convocatoria xeral ábrese este venres 13 de abril. O prazo de presentación ficará aberto até o 30 de maio. Quen queira achegar propostas deberá facelo nas oficinas da Fundación CEL ou ben consultar a web da entidade para descargar a información ligada á presente convocatoria.

PUBLICIDADE