A Fundación CEL comeza novembro asesorando ás novas empresas no uso axeitado das redes sociais

martes, 8 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

A Fundación CEL está a organizar un seminario para axudar ás empresas a dar os seus primeiros pasos nos camiños do mercado, un mercado cada vez máis rifado e competitivo e onde unha boa parte do que se pon en xogo, xógase coa axuda das novas canles da información e as redes sociais. O seminario en cuestión, posto en marcha xunto con Bic Galicia, organízase por segundo ano cun eixe temático ben claro: a planificación empresarial e os métodos axeitados para afrontala. As sesións formativas, informa a Fundación, impartiranse ao longo do mes de novembro.
Xa nun plano máis específico, o gran obxectivo da actividade é axudar ao emprendedor a coñecer os conceptos básicos precisos para enfocar o plan de negocio, deseñar o proxecto de empresa e contrastar a viabilidade do mesmo, en sesións en boa medida prácticas e impartidas por “recoñecidos profesionais do mundo da empresa e máis da formación”. Amais de temas financeiros e puramente económicos e tendo en conta a “relevancia cada vez maior das redes sociais á hora de facer negocio”, incluirase un seminario adicional sobre a Web 2.0 ao abeiro do cal avaliaranse cuestións como o uso das TIC, os novos servizos para información e comunicación, clientes e empresas 2.0, publicidade 2.0 e posicionamento web, entre outros temas.
O seminario está proposto para persoas con proxectos empresariais que queiran ampliar ou mellorar os seus coñecementos de xestión a través do desenvolvemento dun plan de negocio. En total, desta volta, participarán uns trinta emprendedores, responsábeis, á súa vez, de dúas ducias de proxectos.

PUBLICIDADE