A Fundación CEL Iniciativas por Lugo estrea web

luns, 11 de maio do 2015 Redacción

A Fundación CEL Iniciativas por Lugo vén de anunciar a renovación completa (ao cen por cen) da súa páxina web corporativa, fundacioncel.org, tanto no seu plano visual e de feitura externa como no que se refire a adaptala ás características dos elementos que se impoñen en materia de acceso e uso: os dispositivos móbiles. En palabras dos responsábeis da Fundación, “a páxina adquiriu un novo deseño e unha presentación modernizada e máis social, que responde tanto á necesidade de actualización de imaxe como aos novos requirimentos técnicos que impón o mundo en liña”.
Entre estes novos requirimentos, engade, atópase un deseño que responde a criterios de RWD (en inglés Responsive Web Design), adaptábel aos diferentes dispositivos electrónicos a través dos que pode accederse á Rede (unha vía cada vez máis estendida, a dos dispositivos), ou a integración do aspecto social, “facilitando o acceso ás diferentes redes sociais nas que a Fundación ten presenza, compartir os contidos da web ou facilitar os comentarios e interacción cos seus usuarios”.
Desde a Fundación CEL indícase que se busca “dar soporte de maneira máis clara e intuitiva aos contidos da entidade e aos dos emprendedores que acompañan a entidade e dan sentido á actividade da mesma, emprendedores que sempre terán un espazo destacado na web”. Coa remodelación da páxina tamén se vai salientar (e acubillar) o labor das empresas que colaboran coa entidade e o seu traballo de apoio ao emprendedor local.
A presentación da nova web da Fundación CEL vén acompañada dunha actualización da súa imaxe en redes sociais, un novo boletín en liña e a posta en marcha dunha nova iniciativa, e+e, o blog dos emprendedores e empresarios de Lugo, posto en marcha conxuntamente coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).

PUBLICIDADE