A Fundación Barrié propón unha webquest xornalística entre os estudantes para celebrar o 17 de maio
mércores, 9 de maio do 2012
O Día das Letras Galegas, polo feito de ser
unha xornada cun gran compoñente comunicativo e (tamén) por coincidir coa
celebración do Día de Internet (igualmente o 17 de maio), ten un gran compoñente
de normalización do uso das redes. Un exemplo deste emprego práctico e desta aposta
polo seu potencial de difusión é a iniciativa que puxo en marcha a Fundación
Barrié a
través da súa canle educativa educaBarrié e que consiste nunha achega didáctica
ao servizo dos estudantes, que terán que amosar o seu coñecemento arredor do
escritor homenaxeado este ano: o empresario, ensaísta e poeta pontevedrés Valentín
Paz Andrade.
A proposta da Fundación ten un compoñente de
divulgación (fálase na web polo miúdo da vida e obra de Paz Andrade, do que
significou e do importante labor de dinamización que desenvolveu no xornal Galicia) e tamén de actividade lúdica.
De feito, ponse ao alcance da man dos estudantes a oportunidade de darlle vida
novamente ao dito xornal, ao tempo que se lles convida a amosar o seu potencial
como xornalistas, reporteiros ou até como escritores. “O xornal Galicia”, informa a Fundación, “vivirá desta maneira un novo rexurdimento nun día especial onde todos
sentimos orgullo do feito de sermos e de expresarnos na lingua de noso”.
Nun plano concreto, a actividade en liña que
propón a institución é un encargo especial para o devandito diario onde haberá
que incluír unha reportaxe ampla sobre a figura do empresario e escritor
homenaxeado e máis información detallada da nosa festa do 17 de maio. O
traballo (redacción, elaboración, deseño e maquetación do xornal dirixido por
Paz Andrade) será desenvolvido en grupo. Logo, os mellores traballos serán
enviados á páxina de inscrición e participarán no concurso
propiamente dito: Valentín Paz Andrade e
o xornal Galicia, edición especial. O premio a
recibir será un e-book. O novo xornal Galicia
2012 está pensado para que se imprima en A3 e se difunda de man en man,
engade a Fundación.