A Fundación Barrié e o ITG lanzan unha liga para converter aos estudantes galegos en expertos en drons

xoves, 10 de xuño do 2021 S. P.

A Fundación Barrié e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) presentaron este 10 de xuño a primeira edición da liga Maker Drone, dirixida a estimular o interese pola tecnoloxía entre o alumnado de terceiro curso da ESO en Galicia. Segundo fixeron saber, “trátase da primeira competición a nivel autonómico en España que expón o reto de construír un sistema de vehículo aéreo non tripulado con vistas a solucionar un problema social particular”. As alumnas e alumnos contarán, para resolver o desafío que se lles achegue, con drons, formación e orientación.
José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié e Carlos Calvo Orosa, director xeral do ITG, achegaron os detalles desta iniciativa pioneira. A liga diríxese a todos os centros educativos de Galicia (curso 21-22).
Terá os seguintes obxectivos concretos:
-Converter aos estudantes en actores activos das aplicacións tecnolóxicas. A liga Maker Dron busca estimular o seu interese, a súa creatividade e a súa autonomía.
-Concienciar ao alumnado da relevancia da tecnoloxía, achegando o seu uso nas aulas para o emprego en cuestións da vida diaria.
-Contribuír na orientación profesional do alumnado da ESO, a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións.
-Diseminar o coñecemento tecnolóxico de xeito amigábel, tratando de superar a percepción de materia complexa a través da utilización de novas formas participativas dentro da aula.
-Contribuír á educación científico-técnica da sociedade, mediante actividades demostrativas dos desenvolvementos realizados polo alumnado.
O prazo de preinscrición será desde o 10 de xuño até o 1 de outubro de 2021. A liga desenvolverase entre outubro de 2021 e maio de 2022. As prazas están limitadas a 18 equipos e existirá unha listaxe de reserva con 5 equipos. Un equipo debe ter un mínimo de 5 e un máximo de 7 integrantes, acompañados de 2 suplentes e 1 coordinador (profesor-titor) que terá un rol activo no desenvolvemento das actividades e do traballo autónomo do equipo.
Entre os criterios de selección, a organización terá en conta o nivel de integración das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) no centro solicitante; a materia impartida polo profesor-coordinador; a experiencia previa do profesor-coordinador co manexo de drons, robótica, electrónica, e/ou programación; o grao de motivación e a dispoñibilidade do profesor-coordinador para participar na liga e a dispoñibilidade de espazos e medios necesarios para a realización de actividades no centro.
Ao comezo do calendario escolar realízase unha xornada de introdución aos vehículos aéreos non tripulados dirixida á totalidade do alumnado de terceiro da ESO dos centros participantes. Esta xornada, cuxo obxectivo é dotar aos asistentes dos coñecementos teórico-prácticos necesarios para participar na liga, incluirá unha vertente teórica (en formato charla, sobre a normativa e as aplicacións dos drons) e unha vertente práctica (a través de una serie obradoiros sobre pilotaxe de drons aéreos e terrestres; creación de compoñentes por impresión 3D; e demostracións sobre mecánica e sensores).
Unha vez anunciado o reto tecnolóxico da edición, a organización impartirá unha capacitación tecnolóxica co fin de dotar a cada equipo das nocións básicas para a preparación autónoma do desafío. A formación estrutúrase en tres sesións, tratando as seguintes temáticas: manipulación de ferramentas e materiais; nocións básicas de electrónica, programación, soldadura, conectores; e funcionamento de mecanismos: engrenaxes, poleas, indicadores, sensores, etc.
Finalizada a formación, os equipos traballarán de maneira autónoma no reto tecnolóxico exposto.
En maio de 2022 celebrarase a Xornada de Exhibición, na que se presentarán as demostracións das solucións deseñadas por cada equipo. As demostracións serán valoradas por un xurado especializado, segundo as seguintes categorías:
-Premio ao equipo gañador da competición: Esta categoría resolverase en modo torneo onde os equipos competirán de forma simultánea para efectuar a misión definida no reto de forma correcta no menor tempo posíbel.
-Premio ao mellor deseño: Nesta categoría valorarase a optimización do deseño, en base aos requisitos técnicos especificados: menor peso, menor custo, etc.
-Premio á solución máis disruptiva: Nesta categoría valorarase a creatividade e innovación da solución proposta para a resolución do reto.
-Premio á destreza en voo: Nesta categoría valorarase a destreza na pilotaxe do dron.
-Premio especial do público á mellor presentación, en base á expresión oral, a claridade e os medios gráficos empregados para a exposición.


PUBLICIDADE