A Folkoteka galega pon en liña unha ampla escolma de partituras tradicionais

venres, 8 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

Os músicos á par que internautas están estes días de festa. O motivo? A posta en marcha dunha nova web, a Folkoteka galega, que, como o seu propio nome indica, diríxese a pór ao alcance dos seareiros do noso patrimonio musical unha serie de recursos para pórse ao día na cuestión, solucionar dúbidas e, sobre todo, ampliar cadanseu repertorio de pezas para sorprender a familiares e amizades en romarías, foliadas e festexos varios. En definitiva, o que se nos achega é un amplo catálogo de partituras tradicionais.
A Folkoteka é un proxecto xurdido da unión de moitas mans e vontades, aberto a novas mans e vontades para o seu desenvolvemento e ampliación. Permite descargar as pezas en PDF ou en formato MuscXml, sendo posíbel acceder a partituras e tamén a exercicios para a aprendizaxe de diferentes instrumentos. Hai un pouco de todo nesta primeira fase do proxecto: danzas, alalás, foliadas, mazurcas ou pasodobres, abríndose como dixemos a novas achegas. Para formarmos parte da iniciativa, está dispoñíbel a conta folkoteka@gmail, coa que contactaremos cos responsábeis deste novo acubillo de coñecemento.

PUBLICIDADE