A Fiscalía oponse á Lei anti-descargas

martes, 16 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Informe completo do Consello Fiscal

A Lei de Economía Sustentable (LES) non para de dar que falar, pero esta semana sorprendeu que as críticas sobre as medidas anti-descargas que aparecen na súa disposición primeira veñen directamente con Consello Fiscal, que publicou un informe no que consideran «dubidoso» que a protección da propiedade intelectual «deba pórse á mesma altura» que o resto dos bens xurídicos (algúns deles, dereitos fundamentais).
A Fiscalía non pensa que os dereitos de propiedade intelectual poidan situarse «ao mesmo nivel» que a orde pública, a investigación penal, a seguridade pública, a defensa nacional, a saúde pública, a dignidade da persoa e a protección da mocidade e da infancia, coma pretendería a LES; incluso detallan que «se ben a produción literaria, artística, científica e técnica» son dereitos fundamentais, hai que distinguir esta produción e a «salvagarda da propiedade intelectual» que non posúe «tal privilexio constitucional».
Temos así que o informe considera que a propiedade intelectual debe tratarse coma un dereito de propiedade, e non coma un dereito fundamental, de aí que a formulación da Comisión da Propiedade Intelectual non sería axeitada, pois para identificar ás persoas coas que emprender medidas sería imprescindible autorización xudicial previa (especialmente cando sexa preciso violentar o segredo das comunicacións).

PUBLICIDADE