A Facultade de Informática de A Coruña acolle outra edición da FIC OnLan

martes, 22 de xaneiro do 2013 Redacción

Do 8 ao 12 de febreiro a Facultade de Informática de A Coruña acollerá a cuarta edición da FIC OnLan, un espazo de xuntanza que dará acubillo a todos aqueles/as apaixonados da informática e a tecnoloxía que queiran pasar un Entroido diferente, máis TIC. Como dato a salientar dicir que dende a apertura de inscricións só pasaron 6 horas até completar a reserva das 180 prazas dispoñibles para este evento, o que significa que as vacantes para participar nesta FIC OnLan xa están cubertas, e nun tempo récord!
Dicir que nesta party levaranse a cabo diversas competicións para dar a coñecer as habilidades informáticas dos asistentes en varios eidos como a programación, a intelixencia artificial ou o deseño gráfico. Asemade, na Facultade de Informática de A Coruña tamén atoparemos ao paso torneos dos videoxogos máis senlleiros, minixogos sorpresa... todo isto grazas ao apoio dos patrocinadores. Por último, informar que no andar 0 da FIC haberá unha zona aberta ao público en xeral, onde a asociación cultural ManGalego administrará a ExtraNet e onde todos aqueles que o desexen -sen necesidade de estar na listaxe dos 180 admitidos- poderán gozar de varios xogos de mesa e videoxogos.

PUBLICIDADE