A Facultade de Informática da Coruña impulsa un concurso-wiki para visualizar o papel da muller nas TIC

luns, 17 de novembro do 2014 Fernando Sarasketa

Dende a Facultade de Informática informan da posta en marcha dun máis que interesante certame dirixido ao noso alumnado de secundaria e coa vista posta en equilibrar a balanza de xénero no ámbito informático. En realidade, o obxectivo da actividade é dobre: por unha banda informar das vantaxes dunha carreira profesional dedicada ás TIC e pola outra, visualizar o papel da muller neste eido. Polo tanto, trátase de pór un gran de area para desvincular o ámbito informático -dende a raizame do problema, a educación- das ideas discriminatorias de xénero que arrastra. O concurso WikinformáticA!, infórmanos a profesora Sabela Ramos, insírese nun programa de actividades previsto para a última semana de xaneiro e inseridas no evento mundial impulsado pola asociación Anita Borg Scholarship Alumni.
“Tanto a asociación como os eventos teñen como obxectivo potenciar o papel da muller nas novas tecnoloxías”, explica a profesora Ramos dende a Facultade de Informática da Coruña, e engade que o devandito concurso consiste en realizar unha wiki sobre destacadas nos eidos da informática e as telecomunicacións.
Na actividade, que se realizará en galego, as/os participantes deberán, a partires dunha fotografía, adiviñar de quen se trata e elaborar unha biografía en formato wiki. Esta biografía deberán publicala logo nun espazo de coñecemento e divulgación creado para tal fin. Poderán participar grupos de estudantes de secundaria liderados por un profesor ou profesora. O período de inscrición comezou o 13 de novembro de 2014 e estará aberto até unha semana antes do remate do concurso. As fotografías obrigatorias e a wiki en cuestión estarán dispoñíbeis a partir do 20 de novembro de 2014. O concurso rematará o 20 de xaneiro de 2015 e as gañadoras e os gañadores serán dados a coñecer na última semana de xaneiro. O premio, aínda por determinar na súa integridade (achegaranse varios recoñecementos), consistirá en parte nun labor de visualizar e dispoñibilizar a achega gañadora, tanto ante os medios como ante a comunidade educativa.

PUBLICIDADE