A Factoría de Innovación de Vigo organizou unha xornada sobre as TIC e a sustentabilidade enerxética

martes, 18 de novembro do 2014 Redacción

O pasado xoves, 13 de novembro, a Factoría de Innovación de Vigo celebraba, na CITEXVI (Cidade Tecnolóxica de Vigo), a xornada Como poden as TIC optimizar a eficiencia e sustentabilidade enerxética? Un pulo de futuro para as empresas. Así, durante o acto, José Manuel Dorado (director de Transferencia Tecnolóxica de Gradiant) e Fernando Vivas (director técnico de EnergyLab), analizaron como sistemas TIC presentes no mercado poden axudar a que as empresas sexan máis competitivas e sustentábeis grazas á optimización dos seus consumos enerxéticos, como contadores domésticos de seguimento intelixente, aplicacións para controlar caldeiras de biomasa a través de smartphones e plataformas en liña, e sistemas de xestión intelixente para Smart Cities.
Pola súa banda, Nicolás Troncoso (director de I+D de Kaleido Logistic) explicou a experiencia desta compañía no desenvolvemento de sistemas que permiten medir a eficiencia das operacións, como a posta en marcha dunha ferramenta propia para a medición da pegada de carbono e a emisión de gases de efecto invernadoiro nas operacións loxísticas.
Lourdes Guerra (socia de Ayco Internet) analizou o papel da súa empresa no Proxecto Soleris, un traballo desenvolvido por un consorcio de empresas e dous centros tecnolóxicos para o aproveitamento da enerxía solar en edificacións e industrias.
Por último, Elisa Costas (arquitecta) pechaba a xornada coa exposición dun proxecto de arquitectura bioclimática no que se aplican distintos sistemas para a redución do consumo enerxético, como a distribución intelixente dos espazos, a detección automática de temperatura ou o aproveitamento enerxético a través da biomasa.

PUBLICIDADE