A Factoría de Innovación da Coruña expón as vantaxes e atrancos da tecnoloxía para as PEME galegas
mércores, 28 de maio do 2014
O
pasado xoves 22 de maio tiña lugar no edificio FEUGA (Santiago de
Compostela) a xornada Tecnoloxía:
creación, posta en marcha e protección,
organizada pola Factoría de Innovación da Coruña, en colaboración
co Clúster TIC Galicia, co obxectivo de encamiñar ás PEME sobre as
vantaxes e oportunidades que achega a tecnoloxía como ferramenta
competitiva, así como a importancia de coñecer os aspectos legais
básicos de cara a protexer os proxectos tecnolóxicos desenvolvidos
por unha empresa ou unha institución.
Para diferenciarse da
competencia e acadar o éxito, no encontro recomendouse ás PEME que
identifiquen o seu posicionamento e capacidades tecnolóxicas e
desenvolvan unha estratexia acorde, empregando os seus propios
recursos ou recorrendo á transferencia tecnolóxica, beneficiándose
do coñecemento doutras compañías, universidades e organismos
públicos de investigación.
José María Ameijenda, avogado especializado en Propiedade Intelectual, explicou as claves
e os termos legais que deben terse en conta á hora de manexar
diferentes tecnoloxías. Salientou a importancia que teñen conceptos
como a titularidade legal dos dereitos de autor, así como a
regulación do tipo de explotación, licenzas de uso ou transmisión
destes dereitos no caso de acordos de transferencia tecnolóxica.
Toni Pons, director xeral
da Fundación CETIM, compartiu cos asistentes, a modo de showroom,
algúns exemplos de iniciativas realizadas por este organismo para
achegar solucións tecnolóxicas á contorna industrial de Galicia.
Entre os traballos presentados fíxose fincapé no sistema Activa-t,
para monitorizar a actividade física nos ximnasios, ou o proxecto
Recures, que permite a reutilización de residuos procedentes da
lousa, o mexillón ou o granito na fabricación de cementos ou
cerámicas.
Dicir que a xornada foi
clausurada cunha mesa redonda na que Ángeles Montecelo, de Tórculo
Comunicación Gráfica, Ramón Corujo, doutro Enfoque, e María José
Fares Varela, de Recursos e Servizos Xerontolóxicos Galegos,
contaron a súa experiencia na xestión de empresas de base
tecnolóxica.