A FIC e máis dun cento de escolares celebran este sábado a Hora do Código

venres, 11 de decembro do 2015 Redacción

A Facultade de Informática da Coruña acolle este sábado 12 ás 12:00 horas (ollo á combinación significativa de números: día 12 do mes 12 ás 12 horas) as actividades de seu para celebrar o evento mundial Hora do Código, como lembraremos un acontecemento transfronteirizo impulsado pola organización Code.org para salientar as vantaxes de formar a nenos e adolescentes na programación informática. As actividades da FIC, de feito, concibíronse para dar acollida a nenos e adolescentes. Segundo informa a Universidade da Coruña, un grupo de traballo de seu, formado por profesores e alumnos de Informática, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e da Facultade de Ciencias da Educación, axudarán aos máis de cen escolares inscritos cos retos propostos na páxina web Code.org.
“Serán retos moi sinxelos”, sinala a UDC, “inspirados en Star Wars, Frozen, Minecraft, etc. nos que hai que conseguir que un boneco virtual realice distintas accións simples, como que recolla lixo pola pantalla ou que dea voltas mediante ferramentas de programación pensadas para nenos”. Trátase, engaden os impulsores da iniciativa, de introducir aos escolares na linguaxe de programación Scratch, da que temos falado en múltiples ocasións salientando a súa vertente docente e ilustrativa acerca de en que consiste facer informática.
O evento está destinado para nenos e nenas de oito a catorce anos coa finalidade de que se inicien na programación de computadores “dunha maneira sinxela, amena, divertida e directa durante unha hora”. Ademais, segundo indican desde a Facultade de Informática, trátase de que “este centro se converta nun punto de reunión para todos os interesados na programación ou para aquelas persoas que queiran simplemente coñecer este mundo”.
Para facilitar o desenvolvemento do evento, a facultade pon a disposición de todos os asistentes computadores, aulas e titores que guíen a actividade. Todos os participantes recibirán ao remate un diploma acreditativo da súa participación.
Como recordaremos, a Hora do Código é unha iniciativa de Code.org, organización internacional pública sen ánimo de lucro adicada a promover as Ciencias da Computación en colexios e institutos. Celébrase nesta semana en máis de 180 países e o obxectivo deste ano é chegar aos 200 millóns de participantes en todo o mundo.

PUBLICIDADE