A FIC acolle este xoves unha charla do presidente da Asociación para a Intelixencia Artificial

mércores, 15 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Antonio Bahamonde Rionda, catedrático da Universidade de Oviedo e presidente da Asociación Española para a Intelixencia Artificial, estará este xoves 16 de febreiro na Coruña para falar dos segredos e vantaxes dos clasificadores multietiqueta, un novo chanzo, máis amplo e diverso, dos sistemas decote empregados, a través de etiquetas, para predicir as respostas aos estímulos nos contornos físicos ou ben nos virtuais.
Por exemplo, a resposta que terá un consumidor perante un produto determinado, ou ben a reacción dunha páxina web perante unha cuestión concreta. Os clasificadores multietiqueta van alén disto: cobren ese tipo de resposta que non se abrangue dunha única ollada.
Ou sexa, que se empregan para traballar con reaccións de estrutura especialmente rica que inclúen, no seu seo, subconxuntos de tamaño variábel dun conxunto prefixado de etiquetas. A charla de Antonio Bahamonde Rionda desenvolverase a partir das 12.00 horas deste xoves no salón de graos da Facultade de Informática da Coruña.

PUBLICIDADE