A Estrada acolle unhas xornadas sobre delitos contra a propiedade intelectual

mércores, 3 de abril do 2013 Redacción

O director xeral de Emerxencias e Interior inaugurou as xornadas sobre o tratamento dos delitos contra a propiedade intelectual

A sede da Academia Galega de Seguridade Pública (A Estrada) acolle dende hoxe uns encontros dirixidos a afondar na problemática da copia e uso non autorizado de material protexido (musical, audiovisual, literario) con licenzas de dereitos de autor tradicionais (copyright). A cita, inaugurada polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, desenvólvese perante a presenza duns 150 asistentes e baixo o seguinte epígrafe: Xornadas sobre o tratamento dos delitos contra a propiedade intelectual e os seus aspectos xurídicos e prácticos.
Segundo salientou Villanueva, “a piratería é un dos problemas aos que as forzas e corpos de seguridade se teñen que enfrontar na actualidade, polo que o intercambio de información e experiencias permite avanzar na loita contra estes delitos, así coma os coñecementos sobre identificación e tipoloxía dos soportes dixitais, tanto legais coma falsos”.
O obxectivo principal destes encontros é facilitar os coñecementos xurídicos e técnicos para proceder neste tipo de delitos “coa maior eficacia e garantía de éxito, no que se avanza igualmente na identificación e peritaxe do material falsificado, así como as novas modalidades de delito na materia”.
Os encontros acollerán análises da normativa penal sobre propiedade intelectual, coas súas peculiaridades procesais, dilixencias de investigación, así como as características da propiedade intelectual; o papel da Axencia Tributaria, e as súas ferramentas especificas e o control destas actividades e a colaboración cas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado .
Nas xornadas participaran prestixiosos profesionais da materia coma son o maxistrado titular do Xulgado de Instrución nº 38 de Madrid, Juan Antonio Sáenz de San Pedro, o director do Departamento de Seguridade, Investigación e Prevención do Fraude de PROMUSICAE-AGEDI, José Luis Pérez Quintero; o adxunto xefe da Dependencia Rexional de Aduanas e IIIEE en Galicia, Hermelino Alonso Eiras; a xefa da Unidade Antifraude da Unidade Rexional Operativa de Vixilancia Aduaneira en Galicia, Mónica Martínez Breijo.

PUBLICIDADE