A Estrada Dixital xa ten máis de 1.600 usuarios da súa rede sen fíos

xoves, 28 de decembro do 2017 Redacción

O remate do ano adoita coincidir con recontos de éxitos e de obxectivos. Isto acontece moito a nivel estatal e autonómico, pero tamén a nivel local, o que en ocasións ten máis interese (por ser as cifras máis doadas de asimilar e concretar) e máis mérito (por incluír recursos máis limitados e en ocasións mellor aproveitados). Neste grupo sitúase o informe lanzado pola iniciativa A Estrada Dixital, que vén de facer balance do conseguido nos meses que vimos de deixar atrás. O balance achega datos tan salientábeis como a cifra de 1.603 usuarios da rede sen fíos finalmente acadados. Deles, o 96,5% son particulares. O servizo, ademais, conta con 63 empresas locais dadas de alta como clientes.
Como lembraremos, A Estrada Dixital púxose en marcha hai 11 de anos, impulsada pola Fundación Cultural A Estrada, entidade sen ánimo de lucro dependente do Concello. Trátase, para quen non o saiba, dun operador municipal de Internet que abrollou dun proxecto tecnolóxico europeo, tamén denominado “aestradadixital”, que abrangueu múltiples actuacións relacionadas coas novas tecnoloxías, “coa intención de facilitar o acceso ás novas tecnoloxías e á Sociedade da Información ós estradenses”, tentando achegar conexión a todos os enclaves das 51 parroquias do municipio e os seus 473 núcleos de poboación.
Volvendo ás cifras do balance, sinalar que maior parte dos usuarios da rede sen fíos pertencen á contorna rural do municipio, un 62,6% dos clientes, fronte aos 599 usuarios do centro urbano (o 37,3%). Segundo os impulsores de A Estrada Dixital, esta porcentaxe non fai máis que amosar os obxectivos básicos da iniciativa, que foron (e seguen a ser) loitar contra a fenda dixital que adoita separar as contornas urbanas das non urbanas, en detrimento destas últimas.
Por parroquias, Ribeira é a que rexistra un maior número de clientes, cun total de 36 fogares conectados. Séguenlle Santeles (35), Moreira (33), Berres (32) e San Miguel de Castro (30).

PUBLICIDADE