A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación celebrou o seu 25 aniversario

venres, 5 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación festexou a semana pasada o seu 25 aniversario nun encontro multitudinario no que se quixo aplicar ao eido das celebracións aquilo no que consiste a fin de contas a innovación: tirar partido da bagaxe coa que se conta, o pasado, para non desviar a ollada do futuro. As perspectivas, fixeron saber os responsables do centro, son moi boas: a un alumnado que acaba de estrear con ilusión o novo grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Comunicación súmase a creación dun novo mestrado e a posta en marcha de proxectos como o centro de investigación Gradiant (xa en activo e dando froitos) e Atlantic (recentemente habilitado, tal e como se contou en Código Cero).
Amais de ofrecer esta ollada ao que vai vir, a cita serviu para dar conta dos froitos máis salientables recollidos pola Escola ao longo dos seus 25 anos de actividade (foi habilitada en 1985), un tempo que se salda co fornecemento ao noso país de máis de 2.600 profesionais das novas tecnoloxías da información.
Por certo que amais de antigos e novos alumnos e profesores, na celebración fixeron acto de presenza os principais responsables da xestión da Escola, entre os que figurou Edita de Lorenzo, directora do centro e alumna da segunda promoción, quen segundo informa a Universidade na súa web fixo as veces de anfitrioa do encontro. Este contou tamén coa participación dos seis ex-directores da Escola e boa parte do equipo de goberno, encabezados polo vicerreitor de Economía e Planificación, Xosé Manuel García Vázquez, que acudiu en representación do reitor, Salustiano Mato, que por circunstancias familiares non puido acudir á celebración. “Todos xuntos asentamos os cementos dun traballo ben feito que hoxe está dando os seus froitos”, subliñou de Lorenzo. A xornada de celebración serviu tamén para propiciar o regreso ao Campus do profesor Anibal Figueiras, o primeiro director da Escola, doutor honoris causa da Universidade de Vigo dende 1999 e hoxe presidente da Academia de Enxeñaría de España. Figueiras está considerado como o principal impulsor da posta en marcha do centro, nun tempo en que só había espazos desta índole en Barcelona e en Madrid.

PUBLICIDADE