A Escola Náutica Ribeira loce o simulador de navegación máis moderno de España

venres, 20 de xullo do 2018 Redacción

A Escola Náutica de Ribeira deu a coñecer esta semana un sistema navegador que pasa por ser o máis moderno e avanzado de España. Na presentación da tecnoloxía participou a conselleira de Mar, Rosa Quintana, que informou que a incorporación da mesma levou un investimento de 210.000 euros e que o novo simulador poderá empregarse a partir do vindeiro curso. Tamén sinalou que o sistema, recentemente actualizado pola Consellería (da que depende a dita escola), está programado coas últimas tecnoloxías e especificacións técnicas.
Na visita, na que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, a titular de Mar explicou tamén que a actualización deste simulador “é unha mostra da aposta da Consellería por asegurar un ensino de futuro que garanta o relevo xeracional e a reciclaxe dos nosos profesionais do mar”.
O simulador de navegación da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira conta con tres áreas de traballo, cada unha coas correspondentes funcións. Unha é a área de control de mando principal, onde se representa todo o control de mando e tráfico marítimo. Nela pódese simular todo tipo de condicións que afectan á navegación como tráfico marítimo, condicións e estado do mar, néboa, luces, marcas, faros ou liñas de costa, entre outros.
Outra área de actividade do simulador é a de traballo individualizado do alumnado, segundo lembrou a conselleira, que engadiu que esta área acubilla cinco mesas (cada unha delas representa un barco) e monitores onde se visualiza o buque concreto que está a ser gobernado polo alumnado.
A terceira zona é a do profesorado, que conta cunha mesa con monitores nos que os mestres preparan os casos prácticos para enviar logo ás unidades do alumnado e á área principal. A través desta unidade, o profesor supervisa os casos prácticos dos alumnos/as e introduce ou quita elementos que interfiren na navegación.

PUBLICIDADE