A Enxeñaría en Informática vestiuse de gala para celebrar a súa Noite

venres, 23 de novembro do 2012 Redacción

Fotografía de familia na que figuran os galardoados polo CPEIG este ano

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, celebrou hoxe a súa Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela, sendo o obxectivo fundamental do encontro a concentración do máis representativo do noso sector tecnolóxico galego, tanto dende o punto de vista público como privado. A xuntanza, que inclúe diversas intervencións-relatorios e cea de gala, serviu para oficializar a entrega dos galardóns convocados este ano do CPEIG, que buscan recoñecer a iniciativas e persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática.
Esta cita e xa a cuarta edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que xuntou ao redor dunhas 250 persoas (empresarios, profesionais, representantes da Administración Pública e do ámbito universitario e investigador, etc) baixo o interese común da Informática e a defensa da profesión. A gala foi conducida polo humorista Miguel Lago, e ao longo da mesma fíxose entrega dos seguintes galardóns:
- Premio Proxecto Fin de Carreira: para o pontevedrés Adrián López.
- Premio Traxectoria Profesional: a título póstumo, Víctor Gulías, profesor, investigador e emprendedor.
- Premio Ada Byron: a enxeñeira informática Luz Castro, como representante das mulleres líderes na adopción da tecnoloxía, e pola súa capacidade para mesturar coñecementos técnicos e visión social.
- Premio Iniciativa Emprendedora: LaconNetwork, evento periódico denetworking que reúne a emprendedores do sector TIC de Galicia baixo un paraugas informal pero moi estable.
- Premio Iniciativa da Administración: Proxecto Coruña Smart City, en recoñecemento á aposta que o concello herculino está a realizar pola I+D+i e as novas tecnoloxías.
- Premio Iniciativa Empresarial: Imatia Innovation, empresa tecnolóxica incluída na listaxe de referencia a nivel mundial Top 100 en Europa
Coma en ocasións anteriores, o CPEIG conta co patrocinio e apoio directo de diversas empresas e institucións para a organización da gala. Os patrocinadores de Ouro son os seguintes: Altia, AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), Bahía Software, Everis, Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Indra, Hewlett-Packard (HP), Plexus, Retegal e Telefónica. Os patrocinadores de Prata son, pola súa parte, estes que citamos a continuación: Concello de Santiago, Deputación da Coruña, Deputación de Pontevedra, Emetel, Fortinet, Imatia Innovation, Insa, Inycom, Oracle e Tecnocom.

PUBLICIDADE