A Editorial Galaxia aposta polo e-book

luns, 9 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

A praia dos afogados, de Domingo Villar, un dos actuais éxitos de vendas de Galaxia

Os libros tamén evolucionan. Podémolo ver nos contidos (os temas renóvanse, e xa hai casos salientables de literatura galega que xira arredor da cuestión tecnolóxico-dixital, como por exemplo Spam, de Francisco Castro) e podémolo ver na súa feitura e no xeito que teñen de chegar a nós, cada vez máis preto do interactivo. Pois ben, as editoriais van ter boa culpa disto, posto que se hai uns días falamos de Xerais e da súa aposta polo e-book (libro electrónico), agora toca facelo de Galaxia, selo galego que vén de establecer un acordo coa empresa Publidisa (empresa especializada na innovación editorial) co fin de publicar todo o seu catálogo en formato dixital.
Segundo informou estes días AGN, o acordo en cuestión non só incluiría a fabricación de e-Books para o catálogo da empresa galega, senón que tamén abranguería o labor de venda nalgunhas das webs literarias de máis renome como por exemplo La Casa del Libro (unha das páxinas máis salientables da Rede como espazo de venda dixital), Gandhi.com ou Ecobook.com, entre outras.
Amais do devandito, Galaxia tamén contará con espazo de comercialización propio de seu: unha libraría electrónica dende a que distribuír no mundo o seu catálogo, inzado de autoras e autores de renome e dalgúns dos máis senlleiros logros literarios da nosa terra. Entre os obxectivos desta aposta polo dixital da editorial galega, amais de dar a coñecer con máis fondura as nosas letras, cóntase o de ampliar os camiños a seguir pola cultura galega no mundo e, tamén, abrirlles as portas da mesma á franxa da sociedade que máis afeita está hoxe en día a recibir información a través das canles dixitais: a xuventude.

PUBLICIDADE