A ESEI e o CPEIG desvelan o seu completo programa de obradoiros para festexar a Hora do Código

xoves, 14 de decembro do 2017 Redacción

Pór de relevo as vantaxes de contarmos con formación para programar, aínda que básica, é un dos grandes obxectivos da Hora do Código, iniciativa internacional (con edición galega) posta en marcha pola entidade Code.org, organismo público sen fins de lucro adicado a ampliar a participación en Informática. Con respecto á nosa terra, a Hora do Código ten este 16 de decembro varios eixes de actividade fundamentais. Un deles é a FIC da Universidade da Coruña, de cuxo programa de accións xa dimos conta os días pasados. O outro é o Campus de Ourense (Universidade de Vigo), máis polo miúdo a Escola Superior de Enxeñaría Informática, que vén de presentar ao detalle o seu roteiro para o 16 de decembro. Tras este roteiro, dando o seu máximo apoio, está tamén o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
Como lembraremos, a Hora de Código é un evento internacional que ten como obxectivo o de ensinar programación e as bases da Informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. A iniciativa busca estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, “unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o lecer á educación”, explicou hai uns días o CPEIG.
A Hora do Código está promovida desde o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. Code.org, para quen non o saiba, é un organismo público adicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.
Volvendo ás accións previstas pola Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, sinalar que haberá sete obradoiros gratuítos relacionados coa programación e a tecnoloxía nos que poderán participar 300 rapaces e rapazas de 6 e 18 anos de idade. Alma Gómez, subdirectora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, foron os encargados de presentar este mércores a programación que se desenvolverá no Campus de Ourense, cuxa matrícula xa está aberta.
Durante a súa intervención, Fernando Suárez lembrou como a Hora do Código “é unha iniciativa de carácter mundial que pretende introducir aos nenos e nenas no pensamento computacional” coa idea de que “empecen a coñecer ferramentas que na actualidade teñen á súa disposición practicamente desde que nace”. Pola súa banda, Alma Gómez animou aos cativos e cativas a participar nos talleres, que teñen un enfoque fundamentalmente práctico e divulgativo. Especialmente fixo fincapé na necesidade de que as rapazas se animen a participar, e para iso convocouse o obradoiro Rapazas nas TIC , que responde directamente “á preocupación que temos tanto no colexio como nesta escola pola baixa implicación das mulleres no eido tecnolóxico”.
As actividades previstas no Campus de Ourense desenvolveranse coa participación de voluntarios do CPEIG e da escola universitaria en horario de mañá, participando os rapaces e rapazas en grupos de 15 persoas, podendo asistir nais e pais. Entre os obradoiros previstos están talleres de iniciación á programación, no que en sesións dunha hora e media de duración os participantes poden aprender a programar con xogos de Minecraft, Disney, Starwars ou Frozen, e de iniciación á programación con Scratch. Tamén haberá un taller de robótica no que os participantes familiarizaranse coa programación de dispositivos con Arduino.
O taller Outra vida do hardware consistirá en sesións de hora e media na que rapaces e rapazas de 8 e os 12 anos poderán facer distintos traballos manuais con pezas hardware. Pola súa banda, Coñece a impresión en 3D, recomendado para o tramo de 6 a 18 anos, ofrecerá sesións dunha hora nas que aprender como facer pezas e traballar con impresoras 3D. Os drons serán os protagonistas tamén dun obradoiro de hora e media na que rapaces e rapazas de 6 a 18 anos poderán ver e aprender como funcionan estes aparellos, desde os de xoguete ata os profesionais, e velos voar.
A programación tamén inclúe o obradoiro Crea o teu mundo - Realidade Virtual, consistente en sesións de hora e media, recomendadas para o tramo de 14 a 18 anos, onde os participantes poderán dar forma ao seu propio mundo virtual e navegar por el con lentes de realidade virtual. Por último, tamén está prevista a actividade Rapazas nas TICs, de iniciación á programación de dispositivos. Será un única sesión de tres horas de duración destinada a rapazas de Bacharelato ou ciclos superiores de formación profesional de idades comprendidas entre os 16 e os 18 anos.

PUBLICIDADE