A ESEI dótase dun Laboratorio de Experimentación e Prototipado en colaboración coa Deputación

luns, 24 de outubro do 2022 S. P.

A Escola Superior de Enxeñaría Informática acolleu este xoves 20 a inauguración do Laboratorio de Experimentación e Prototipado de Ourense, unha iniciativa nacida no marco do proxecto de cooperación transfronteiriza NOVATFE (Novas Oportunidades de Negocio para Pemes Baseadas en Tecnoloxías Facilitadoras) e da colaboración entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo. O obxectivo desta iniciativa é “ofrecer tecnoloxías facilitadoras a alumnado, profesorado, pequenas e medianas empresas e persoas emprendedoras para o desenvolvemento real das súas ideas”.
O deputado Jorge Pumar participou na presentación do laboratorio, acompañado polo director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Francisco Javier Rodríguez, e o xerente da Mancomunidade de O Salnés, Ramón Ginarte.
O director da ESEI foi o encargado de explicar as características do laboratorio, un espazo de desenvolvemento centrado nas Cidades Intelixentes e na Industria 4.0, entre outros ámbitos, contando con ferramentas como unha impresora industrial de alta capacidade que pode crear pezas de resistencia homologada en industria e que xa está sendo empregada polo alumnado do monopraza UVigo Motorsport. Tamén está dotado con unidades de estación de traballo que permiten procesar algoritmos de Intelixencia Artificial para o impulso e materialización dos vehículos autónomos. No centro fíxose a maiores "unha aposta importante polo que é a Visión Artificial, incluíndo cámaras específicas industriais, que poidan ser colocadas nun dispositivo móbil, como cámaras de planta, que poidan, por exemplo, distinguir o movemento das persoas", explicou o director da ESEI.
A nivel industrial pero educativo, o laboratorio, enumerou Francisco Javier Rodríguez, está dotado de varios kits para simulación do que sería unha fábrica intelixente. Asociado á fábrica intelixente, tamén dispón de controladores Arduino para poder facer simulacións domóticas e kits de sensórica para a Internet das Cousas. Complementando estes equipos, o espazo tamén ten unha pantalla interactiva que será demostrador de toda a sensórica que se está instalando en diferentes puntos de Galicia con NOVA TFE. Por último, a UVigo tamén dotou o laboratorio de dous robots industriais colaborativos con sistemas de visión artificial que se empregarán igualmente nas novas titulacións de grao e mestrado en Intelixencia Artificial.
No proxecto NOVA TFE participa un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo formado por investigadoras e investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática, das facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola de Enxeñaría Industrial. Ademais da institución académica, son socios do proxecto a Mancomunidade de O Salnés (líder da iniciativa), a Deputación de Ourense, a Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e a Câmara Municipal de Valença (Portugal).
O obxectivo principal deste proxecto é potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, mellorando a participación do tecido empresarial nos procesos de innovación nas actividades de I+D+I máis achegadas ao mercado.

PUBLICIDADE