A ESEI de Ourense recunca na súa colaboración con Galicia Open Future

xoves, 14 de abril do 2016 Redacción

Logo do acto celebrado o martes no Centro Demostrador TIC de Santiago, Telefónica volveu presentar esta semana os detalles da nova edición de Galicia Open Future (a terceira), desta volta perante os alumnos, investigadores e profesores da Universidade da Vigo (Campus de Ourense). A cita volveu contar coa presenza de Mari Carmen López, directora do centro de crowdworking que a dita operadora impulsa na Cidade da Cultura (Santiago) coa colaboración de AMTEGA. Segundo lembrou na Escola Superior de Enxeñaría Informática (onde se desenvolveu esta nova presentación) a terceira edición de GOF ten aínda aberto o prazo de presentación, máis polo miúdo até este 15 de abril.
Escolleranse, das achegas que soliciten a súa inclusión no centro de emprendemento, un total de 50 proxectos empresariais innovadores, de alicerce tecnolóxico. Poderán, ao longo dos meses seguintes, madurar as súas ideas de negocio a través da formación, o asesoramento e, tamén, mediante o traballo en mancomún (apoio directo, intercambio de información e recursos) cos restantes emprendedores que participen en Galicia Open Future e máis nas múltiples palestras de emprendemento que Telefónica impulsa no mundo (de aí o de “centro de crowdworking”, que alude a unha evolución cuantitativa e tamén cualitativa do que se coñece como traballo colaborativo, co-working).
Entre os múltiples apoios que recibe GOF na nosa terra está precisamente (un ano máis) o da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, que aposta por esta iniciativa contribuíndo á súa difusión entre o seu alumnado, que en anteriores edicións participou con varios proxectos empresariais nel.
“Galicia Open Future”, explicou a súa directora durante a sesión do martes, “é o centro de emprendemento galego impulsado por Telefónica en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Consellaría de Economía, Emprego e Industria; un programa no que Telefónica inviste anualmente preto dun millón de euros, ten unha duración inicial de seis meses, prorrogábeis en períodos de tres meses”.
Os emprendedores elixidos, explicou, reciben formación e adestramento especializado adaptados ás diferentes fases de maduración do seu proxecto (idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento) e do seu modelo de negocio. A través do Programa de Incentivos da Xunta, a Axencia Galega de Innovación outorga unha axuda de 2.000 euros a cada un dos proxectos seleccionados, e “mediante a plataforma web poden entrar en contacto con emprendedores de todo o mundo involucrados no programa de innovación Open Future de Telefónica, cuxo obxectivo é conectar a emprendedores, startups, investidores e organizacións públicas e privadas”, engadiu, explicando tamén que os beneficiarios poden acceder ás vantaxes de traballar na sede de Galicia Open Future, situada na Cidade da Cultura.
Tamén recordou que superada a primeira fase de formación, un xurado de expertos seleccionará ao tres mellores en función da súa achega aos sectores estratéxicos de Galicia, a súa innovación, o potencial de mercado, o grao de maduración e a súa viabilidade, ademais da súa composición multidisciplinaria, a súa motivación e o uso de tecnoloxía diferencial. Recibirán unha achega de ata 25.000 euros da Axencia Galega de Innovación, que deberá destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Poderán acceder tamén a un préstamo reembolsábel concedido por XesGalicia por un valor máximo doutros 25.000 euros. Un total de 330 iniciativas emprendedoras de base tecnolóxica xa participaron nas dúas primeiras edicións de Galicia Open Future.

PUBLICIDADE