A ESEI de Ourense celebra este venres a Hora do Código

mércores, 9 de decembro do 2015 Redacción

A Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) vai celebrar este venres 11 unha xornada de portas abertas para amosar como se constrúen programas e sistemas informáticos. É dicir, para introducirnos no día a día da construción do gran edificio da Sociedade do Coñecemento. A iniciativa vai dirixida a rapazas e rapaces de 6 a 17 anos e, máis polo miúdo, consistirá en acharlles nocións básicas de programación, impresión en 3D e robótica. A actividade insírese nas celebracións mundiais da Hora do Código, iniciativa internacional ao que o centro se une xunto ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e á Concellaría de Educación de Ourense.
A xornada de portas abertas foi presentada este luns no Campus de Ourense polos representantes das entidades organizadoras. No acto estivo presente Ana Garriga, directora da Escola, quen salientou a importancia de que nenos e mozos coñezan “o que hai detrás de instrumentos que empregan todos os días, que forman parte xa da súa vida diaria”. O obxectivo da iniciativa é, recalcou Fernando Suárez, presidente do CPEIG, “estender os coñecementos de ciencias da computación” aos máis pequenos e pequenas para que “coñezan os conceptos e o mundo no que viven”, un mundo no que a tecnoloxía está cada día máis presente a todos os niveis. “Unha hora de código pode resultar moi enriquecedora”, subliñou Belén Iglesias, concelleira de Educación, que fixo fincapé en que a programación é hoxe en día “unha das linguaxes máis universais que existen” e que o seu coñecemento fomenta habilidades como a creatividade e a lóxica.
Lembrar que o proxecto Hour of Code, Hora do Código, está promovido desde o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. Trátase dun evento internacional que consiste nunha introdución dunha hora de duración ás ciencias da computación, deseñada para amosar que todo o mundo pode aprender a programar.
Segundo fixeron saber na dita presentación, a ESEI de Ourense acollerá tres actividades principais a desenvolver coa participación de voluntarios do centro e do colexio profesional. A primeira actividade será de introdución á programación e nela haberá sesións dunha hora na que as rapazas e rapaces de 6 a 10 anos poderán aprender a programar xogos de Starwars ou Frozen. Tamén haberá sesións de iniciación ao Scratch, nas que poderán inscribirse nenas e nenos de 10 a 16 anos. A segunda actividade, deseñada para cativos de 10 a 15 anos, será de impresión en 3D. Nela, “as persoas participantes poderán aprender como se fan pezas e se traballa con escáners, impresoras e lapis 3D”, sinalouse. Por último, celebrarase unha actividade de programación de dispositivos de robótica con Arduino, pensada para adolescentes de 13 a 17 anos. Para cada actividade haberá varias aulas habilitadas, celebrándose sesións a diferentes horas ás que tamén poden asistir os pais e nais que o desexen.

PUBLICIDADE