A ESEI de Ourense amosa a súa preocupación ante o borrador de Lei de Servizos Profesionais

luns, 22 de abril do 2013 Redacción

Seguen a medrar en número as voces galegas en contra do suposto borrador do proxecto de Lei de Servizos Profesionais que segundo se anunciou os días pasados nos medios estaría a impulsar o Goberno. Se xa dimos conta das posturas do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e máis do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), agora é a quenda do Campus de Ourense, máis polo miúdo dos responsábeis da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI), que están a amosar a súa preocupación ante a posibilidade dun regulamento neste senso. Lembrar que o no dito borrador, entre outras cousas negativas para os profesionais TIC, inclúese unha nova clasificación para os estes colectivos, ao deixarse ás enxeñarías en informática explicitamente fóra do conxunto de títulos que darían acceso a unha profesión de enxeñeiro.
Así ficará fixado na disposición adicional segunda de dito borrador, que establece as “atribucións profesionais na enxeñaría” e que se coñeceu a través de diversos medios de comunicación estes días. Segundo explicou Ana Garriga, directora da ESEI, “de confirmarse esta redacción, suporía que as profesións de Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría en Informática poderían quedar fóra do recoñecemento profesional que merecen tras máis de 25 años de desenvolvemento en España”.
Pola relevancia destas implicacións, a dirección da centro quixo sumarse á preocupación e ao rexeitamento deste borrador que teñen manifestado organismos como a Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría Informática (CODDII), o Consello de Enxeñeiros en Informática (CCII), o Consello de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática e a Reunión de Estudantes de Enxeñarías Técnicas e Superiores en Informática (RITSI). Precisamente no seu comunicado conxunto sobre este tema, a RITSI e CODDII, advertindo que esta exclusión minguaría as responsabilidades profesionais dos enxeñeiros informáticos, sinalaban que Enxeñaría Informática xa ten recoñecida academicamente a súa equiparación co resto de enxeñarías tras publicarse no BOE de 4 de agosto de 2009 as recomendacións para a elaboración de plans de estudos en este ámbito.

PUBLICIDADE