A ESEI de Ourense acolleu en maio a primeira edición do MakerCamp

luns, 6 de xuño do 2022 S. P.

No mes de maio, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense acolleu a primeira edición de MakerCamp, unha iniciativa organizada no marco do proxecto Interreg Emprende Makers que permite a 25 rapazas e rapaces achegarse dun xeito lúdico e práctico á programación, deseño e impresión 3D, videoxogos e robótica. A idea é fomentar que este colectivo, ademais de consumidores de tecnoloxía, sexan no futuro creadores dela.
A actividade está organizada polo Concello de Ourense, a través da área de Formación Ocupacional, Desenvolvemento Local e Promoción Económica, líder do proxecto Emprende Makers, e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus, membro tamén do proxecto.
Emprende Makers, explica Francisco Javier Rodríguez, director da ESEI, “busca fomentar o emprendemento en adultos pero tamén que as novas xeracións se acheguen a este mundo de oportunidades tecnolóxicas”. As rapazas e rapaces, apunta, xa son nativos dixitais e elementos como tabletas e robots forman parte do seu ocio. “O que queremos é que se acheguen tamén á programación desde pequenos”, afirma o responsábel académico. De feito, arredor da metade das e dos participantes neste primeiro campamento son nenas, facendo fincapé Francisco Javier Rodríguez na importancia de rachar a fenda de xénero no eido TIC.
No MakerCamp rapazas e rapaces de entre 8 e 11 anos levan a cabo actividades baseadas na experimentación e no descubrimento relacionadas co mundo maker e as novas tecnoloxías: constrúen, programan e controlan robots pensados para o ámbito educativo; deseñan e imprimen as súas primeiras creacións en 3D; mergúllanse en mundos de Realidade Virtual e aprenden a programar os seus primeiros videoxogos con linguaxes básicas visuais. “Ademais de pór aos nenos e nenas en contacto con estas tecnoloxías, o obxectivo destes talleres é fomentar neles a visión de inventores, de creadores, non só de consumidores de tecnoloxía”, sinala Pablo Novoa, docente da actividade. Nunha “contorna superestimulante” para elas e eles, engade, “teñen a percepción de que están xogando cando en realidade están aprendendo a programar, pensamento computacional e, segundo a idade, conceptos de electrónica, realidade virtual ou impresión 3D”. Ademais desta edición, a iniciativa volverá a repetirse o 27, 28 e 29 de xuño e o 30 de xuño, 1 e 2 de xullo, contando cunha media de 25 participantes en cada campamento.
O proxecto Emprende Makers foi aprobado na segunda convocatoria do programa Interreg V A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 e está co-financiado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Liderado polo Concello de Ourense, ten como entidades beneficiarias, na parte galega, á Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense e á Universidade de Vigo, e por parte lusa ás cámaras municipais de Paredes de Coura, Melgaço e Vila Nova de Famalicão e á Universidade do Minho.

PUBLICIDADE