A ESEI de Ourense acollerá o II Foro NACCE de Innovación para empresas TIC

luns, 17 de setembro do 2012 Raquel Noya

O vindeiro 18 de setembro vaise celebrar en Ourense o II Foro NACCE de Innovación para empresas TIC de Galicia e do Norte de Portugal, que complementará ao xa celebrado en Vigo a semana pasada, e no que se darán a coñecer as últimas tendencias en marketing en liña, marketing móbil, apps e start-ups.
Esta nova cita tecnolóxica de NACCE servirá para poñer sobre a mesa as claves da innovación na empresa tecnolóxica, así como para prestar apoio e asesoramento a aquelas persoas emprendedoras que teñen pensado poñer en marcha as súas ideas de negocio.
O evento contará, de novo, con profesionais galegos de ampla e contrastada experiencia no sector tecnolóxico, tales como Fran Muíños Cernadas, CEO de Une Comunicación; Lolo Rey, CEO de Loroestudio; Camilo Ameijeiras, CEO de Primate; ou Ignacio de Francisco, CEO de Compring.com, quen ofrecerá un relatorio sobre Marketing para Star-ups, no que informará de como presentar un proxecto perante os inversores, e no que achegará a súa propia experiencia ao mando de Compring.com.
O programa, dispoñible na web de NACCE, tamén recolle a intervención de Roi Correa, fundador e CEO de WEB MENUS S.L, que contará en primeira persoa a súa experiencia de éxito ao mando desta start up, que foi escollida recentemente como a mellor empresa galega creada nos últimos dous anos, e que na actualidade está entre as 17 empresas innovadoras de recente creación cun maior potencial de crecemento en España.
Xa na xornada da tarde, a organización prevé celebrar 6 mesas de traballo para aquelas persoas que desexen afondar os seus coñecementos sobre marketing móbil; aplicacións Apps; marketing para start-ups; o plan de marketing; asesoramento e información sobre emprendemento ou innovación.
A este II Foro NACCE seguiralle un terceiro, a celebrar en Pontevedra o vindeiro xoves 20 de setembro.

PUBLICIDADE