A EGAP e AMTEGA forman en ciberseguridade a 70 persoas das administracións autonómica e locais

martes, 25 de abril do 2023 S. P.

Até setenta persoas empregadas públicas nas administracións autonómica e locais e nas universidades de Galicia, participan dende este 25 de abril na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na terceira edición do curso superior de ciberseguridade.
O curso foi inaugurado no serán deste martes 25 pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; o xefe da Área de Normativa e Servizos de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional (CCN), Pablo López; e o director do curso, Gustavo Herva.
O programa formativo, de 99 horas lectivas, está organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en colaboración co CCN e a EGAP.
A axencia confirmou que ao igual que nas edicións anteriores, a demanda de inscricións foi moi superior ao número de prazas ofertadas. Así, Cerviño destacou o alto grao de satisfacción amosado polas persoas que participaron nas convocatorias previas, que avaliaron as clases telepresenciais cun 4,62 sobre 5. O director da axencia autonómica destacou que “os contidos do curso están aliñados coas necesidades actuais no ámbito da ciberseguridade en Galicia, en España e en Europa”.
Pola súa banda, a directora da EGAP destacou a importancia da formación no eido dixital para o persoal público, xa que a pesar de que existen medidas de protección fronte ás ameazas cada día xorden novas vulnerabilidades que supoñen importantes retos de seguridade. Ademais, a directora da Escola fixo fincapé na “necesidade de ofrecer unha formación específica ao persoal empregado público que realice funcións TIC ante a extensión da administración electrónica e o incremento dos ataques informáticos”.
O curso proporcionará ás persoas empregadas públicas unha visión global da seguridade dos sistemas de información, das súas vulnerabilidades, das ameazas e dos riscos que comporta o seu uso, ao tempo que ofrece unha guía de boas prácticas para afrontar a xestión destas situacións.
AMTEGA e a EGAP lembran que os últimos datos indican que do total de infraccións penais rexistradas ao longo de 2022, o 20% foron estafas a través de medios telemáticos. Esta porcentaxe representa unha cifra da case 19.000 delitos deste tipo.

PUBLICIDADE