A EGAP continua coa publicación na Internet dos temarios para os procesos selectivos da Xunta

venres, 11 de febreiro do 2011 Redacción

A Escola Galega de Administración Pública continua coa publicación en Internet dos temarios para os procesos selectivos da Xunta, e vén de publicar os correspondentes á categoría 31 do grupo IV de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia: legoeiro/a, ou tamén chamado peón camiñante
Desde a páxina web da EGAP estarán dispoñibles os textos que se poderán descargar integramente en lingua galega ou castelá, de maneira libre e gratuíta, o que permite á Administración avanzar na garantía do principio constitucional de igualdade de oportunidades no acceso ao emprego público, e, ao mesmo tempo, contribuír á democratización do proceso.
Con este novo temario a EGAP dálle continuidade á labor comezada no mes de outubro coa publicación dos correspondentes a Axudantes Facultativos da Xunta de Galicia, escala de Axentes Facultativos Ambientais. Neste catro meses producíronse 330.782 accesos á páxina e 11.589 descargas.
Cómpre lembrar que non se trata de temarios, repostas ou materiais oficiais, polo que en ningún caso vincularán a opositores ou a tribunais, pero si que son instrumentos complementarios e contrastados que servirán de apoio e axuda como textos de referencia, pero nunca de forma exclusiva ou excluínte doutros materiais. Ademais, contan coa vantaxe de que cada referencia normativa que aparece nos textos está enlazada directamente cunha ligazón á normativa referida, o que lle proporciona ao opositor un coñecemento máis profundo e completo da materia de xeito instantáneo.
Os próximos temarios serán os correspondentes ao acceso á categoría 3 do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia: Ordenanza. Celador/a. Vixilante oficinas. Vixilante nocturno/a. Vixilante/subalterno/a. Porteiro/a. Recepcionista. Telefonista. Sereno/a. Garda. Garda xuramentado. E tamén, está previsto que nas próximas semanas, estén os temarios correspondentes ao subgrupo A1.

PUBLICIDADE