A ECAI Dixital premia un proxecto para reducir os riscos laborais con Intelixencia Artificial

venres, 4 de setembro do 2020 S. P.

A ECAI Dixital 2020, a conferencia online sobre Intelixencia Artificial organizada este días (até o 8 de setembro) polo centro galego CiTIUS, da Universidade de Santiago, premiou un proxecto que vai directamente encamiñado a mellorar a saúde laboral mediante sistemas intelixentes. Trátase de WearHealth, unha contribución tecnolóxica que permite ás empresas “unha prevención proactiva e preditiva que reduce os riscos para a saúde dos traballadores”. O proxecto vén da man da empresa xermana do mesmo nome, con sedes en Luxemburgo e en Nigrán. Na ECAI foi seleccionada como nova firma gañadora da sección Lab to Market.
No concurso Pitch Competition da ECAI participaron startups innovadoras, spin-offs ou empresas en fase de incubación. Nel debían demostrar os beneficios dos seus proxectos mediante a aplicación de tecnoloxías avanzadas con capacidade para avaliar información e tomar decisións.
O proxecto gañador consiste nunha plataforma para monitorizar, mediante a aplicación de Intelixencia Artificial, os postos de traballo de empresas cuxa actividade requiran man de obra intensiva, co fin de ofrecer solucións de prevención dos riscos para a saúde de traballadores. Faino recompilando datos para elaborar mapas dos posíbeis perigos físicos e mentais dos empregados, co obxetivo de anticipar as solucións.
WearHealth iniciou a súa andaina hai 10 anos como un proxecto do Instituto de Intelixencia Artificial da Universidade de Bremen (Alemaña) para avaliar o estado de saúde de pacientes con enfermidades crónicas (pulmonar, renal, etc.). Ao longo da súa traxectoria colaboraron con multinacionais do sector do motor, enerxéticas ou tecnolóxicas.
Os autores do proxecto defenderon que esta plataforma trata de dar resposta ao “vello problema da saúde laboral na era da dixitalización, que non consiste só en reducir accidentes laborais, senón en evitar danos físicos e psicolóxicos”.

PUBLICIDADE