A Domus introducirá ao profesorado galego no biohacking

martes, 6 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Domus da Coruña, ao abeiro do seu incansábel cometido divulgador (e descubridor) vai organizar os días vindeiros, o 15 e o 16 de novembro, un curso de iniciación ao biohacking, unha liña de investigación que tira proveito da interesante confluencia entre bioloxía e hacking, presentándose como un vieiro directo para achegar a ciencia á sociedade (sobre todo polo que ten de descentralización dos laboratorios e de levar a I+D ao obradoiros fóra dos campus e das empresas especializadas). O curso, que xa ten aberta preinscrición, é de balde e inclúe oito horas lectivas.
Segundo informa a Domus, está dirixido a profesorado de Secundaria que queira introducir na aula tecnoloxía Maker aplicada á bioquímica e introducirse de forma experimental no coñecemento de microorganismos.
Ao abeiro da actividade, Cristina Hernández, bioquímica da Universidade de Zaragoza, presentará o proxecto Micromascotas, unha proposta de ciencia cidadá multidisciplinar que achega o biohacking desde a experimentación e que está desenvolvido por BIFI e Ibercivis, contando coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
O programa inclúe na primeira xornada de actividades un obradoiro sobre fabricación de biohardware, no que se introducirá aos participantes na elaboración de cousas como unha cabina de fluxo laminar DIY para realizar os cultivos microbiolóxicos de maneira segura (cada persoa participante levará a súa cabina de fluxo laminar para o seu centro educativo).
Ao día seguinte, levarase a cabo un taller sobre técnicas de microbioloxía, no que se porá o foco nas micromascotas (bacterias, fermentos ou nemátodos de especial interese nos laboratorios de investigación) e aprenderase a preparar os medios de cultivo axeitados para cada unha delas.

PUBLICIDADE